O Concello felicítase pola favorable resolución do conflito de Paradores

O Concello de Monforte amosa a súa satisfacción pola resolución final do conflito xurdido a raíz da intención da dirección de Paradores de poñer en marcha unhas medidas que, nun principio, afectaban gravemente tanto ós traballadores/as como ó propio funcionamento do Parador da nosa cidade.

 

Segundo as informacións das que dispón o Alcalde, o Parador de San Vicente do Pino permanecerá aberto once meses ó ano e manterá a totalidade dos seus postos de traballo.

 

Deste xeito, as reivindicacións dos sectores económicos e sociais, dos grupos políticos municipais e da cidadanía en xeral, foron tidas en conta pola dirección da compañía.

 

Severino Rodríguez considera que “se logrou o obxectivo de Monforte, que non era outro que manter o mesmo nivel de servizo no Parador de Turismo, e que a unión da cidadanía e dos seus representantes foi fundamental para conseguir o que é de xustiza”.

 

Unha vez rematadas as negociacións entre a empresa e os traballadores, o Parador de san Vicente do Pino continuará sendo un establecemento hoteleiro de referencia no sur de Lugo e eixo fundamental na promoción turística e na difusión da Ribeira Sacra.

 

O Alcalde agradece a implicación e o compromiso de todos na decidida defensa do Parador de San Vicente do Pino e felicítase polo “triunfo da cidade e da cidadanía en defensa dos seus lexítimos intereses”.

 

A pesares das boas noticias para o Parador de Monforte, para os seus traballadores/as, e para a cidade e a Ribeira Sacra, Severino Rodríguez manifesta que “hai que continuar en alerta ante calquera nova decisión que poida afectar negativamente a un establecemento hoteleiro de referencia na provincia de Lugo”.

 

Lembramos que o plan inicial da dirección de Paradores contemplaba o peche do Parador de Monforte durante cinco meses ó ano.