Unha vez iniciado o período de exposición pública do Plan Xeral de Ordenación Municipal, e celebrados os primeiros encontros para explicar as liñas xerais deste documento fundamental, diversos sectores profesionais e cidadáns teñen expresado críticas e desacordos con aspectos singulares do mesmo. Un debate e contraste de pareceres que, en opinión da voceira do BNG, Mª Xosé Vega, deben ser entendidos como elementos de mellora do PXOM.
A tenente de alcalde compareceu en rolda de prensa, como voceira do goberno municipal, para reflexionar sobre o arranque da exposición pública do Plan Xeral e sobre as opinións que está xerando entre a cidadanía.
Vega Buján lembrou que tódolos grupos políticos tiveran o mesmo coñecemento do Plan, que todos fixeran propostas, e que o documento contou cun posicionamento positivo por parte da Xunta de Galicia. Tamén sinalou que é a primeira vez que a cidadanía ten oportunidade de coñecer e opinar sobre o Plan Xeral, “cousa que non sucedera con anteriores plans”.
Mª Xosé Vega está segura de que as diferenzas que poidan xurdir sobre cuestións concretas do Plan Xeral “non poñen en cuestión o consenso acadado nin sobre os seus obxectivos estratéxicos nin sobre a vontade de atender toda proposta dos cidadáns que permita dotar a Monforte dun mellor marco urbanístico para deseñar o seu futuro”.
Para Vega Buján, hai que salientar que a súa aprobación inicial foi froito do consenso entre PP, PSdeG e BNG e que as tres forzas participaron activamente no seu proceso de elaboración. Por iso, “non é un documento particular de ninguén, precisamente porque é un documento de todos, nacido do consenso. E todos compartimos a necesidade, expresada no PXOM, de definir e garantir o carácter de Monforte como nodo loxístico e de comunicacións, a urxencia de afondar nas políticas de recuperación do patrimonio histórico e de rehabilitación, o interese económico de reforzar a especialización turística e comercial da cidade, ou a importancia de reconciliar a cidade cos seus canles fluviais”.
“Este PXOM nace do consenso entre os tres grupos municipais e, agora, é o momento de debatelo para que a este acordo estratéxico sobre o futuro da cidade se poidan sumar a inmensa maioría dos monfortinos atendendo e dando razón das súas alegacións e propostas. Este é o obxectivo do seu debate”, sinalou o voceira nacionalista.
O documento inicial que agora se expón ó público é “un punto de partida, non o documento definitivo do PXOM. O Plan será definitivo cando se incorporen as melloras e achegas da veciñanza e dos sectores profesionais”, sinala Mª Xosé Vega, engadindo que “a existencia de debate e as discrepancias que poida haber respecto do que se recolle no Plan non poden ser entendidas como unha fonte de conflito, senón todo o contrario, deben asumirse como un proceso lóxico que ten como finalidade dotar do mellor Plan Xeral a Monforte”. A aprobación inicial do Plan levouse a cabo coa intención de que “fose enriquecido, vía alegacións, pola veciñanza e os profesionais, motivo que a ninguén debería provocarlle alarma. Alegacións, diálogo e debate definen a normalidade da aprobación de calquera PXOM”.
A voceira do goberno municipal considera moi positivo que o Plan Xeral esperte interese entre a cidadanía, orixine debate e diferentes puntos de vista, xa que “o preocupante sería que o PXOM pasase sen pena nin gloria o proceso de exposición pública”. Vega Buján anunciou que o goberno municipal tamén ten discrepancias con aspectos do Plan, entre eles o dos edificios “fóra de ordenación”, un asunto que, segundo manifestou, “poderá ser corrixido en certa medida”.
A voceira do goberno tamén lembra que, dende o primeiro momento, “animamos á cidadanía e a todo tipo de colectivos a informarse sobre o Plan Xeral, e anunciamos que se realizarían reunións para explicar o PXOM”, feito que, segundo Vega Buján, xunto á instalación de grandes paneis con planimetría na Casa da Cultura e a posibilidade de aclarar dúbidas co equipo redactor, “deixa ben claro que o primeiro interesado en que a veciñanza coñeza e adopte unha opinión informada sobre o PXOM é o propio goberno municipal”.
Mª Xosé Vega dixo que o goberno “ten vontade política de mellorar o documento, de aceptar as propostas que respecten o marco legal da Xunta de Galicia, e de poñer tódolos medios para que a veciñanza se exprese da mellor maneira posible”.