Monforte solicita ser socio do Cluster da Loxística

O Concello de Monforte solicitou formalmente a súa adhesión ó Cluster da Loxística e do Transporte de Galicia, con sede en Santiago de Compostela.

 

O interese do Concello en figurar como socio do Cluster radica no importante papel que desenvolve no mundo da loxística en Galicia, con todo o que isto poida representar de cara á promoción e difusión do porto seco de Monforte.

 

O Clúster da Loxística e o Transporte aposta por impulsar o crecemento económico do país a través da promoción de Galicia e a súa loxística como base de captación de inversións.

 

Entre as liñas estratéxicas do Clúster destaca a de orientar e impulsar a intermodalidade no transporte, área na que Monforte está chamado a desenvolver un papel fundamental coa posta en marcha da plataforma loxística de Galicia.

 

Desde a súa creación, en decembro de 2011, a asociación pretende abordar novos obxetivos para situar e consolidar a Galicia como espazo de referencia loxística.

 

O mercado da loxística e o transporte é un dos principais de Galicia, en termos de volume. Comprende 13.007 empresas, o que representa o 5,8% de España, dando emprego directo a máis de 43.200 traballadores, e xerando ademais uns 20.000 postos de traballo indirectos, o que representa un 4,5% do total de Galicia.