O grupo de goberno rexistrou unha proposta, para ser debatida no próximo pleno, solicitando que TURGALICIA explique por qué destinou 50.000 € á realización dun curso do “Plan de Formación para a Excelencia Turística de Galicia”.
Segundo se explica na moción, a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A., dependente da Secretaría Xeral para o Turismo e adscrita a Presidencia da Xunta de Galicia, organizou en Monforte a finais do ano 2012 un curso dirixido a profesionais do sector e dedicado ó enoturismo e ó turismo gastronómico.
O curso, previsto para 20 alumnos/as, constaba de 40 horas de charlas presenciais, 20 horas online, e 6 horas de titorías para a realización do proxecto dun plan de negocio que debían elaborar os participantes.
O custo do curso, totalmente gratuíto para os/as participantes, ascendeu a 50.000 euros, polo que cada hora deste curso, independentemente de que fose presencial, online, ou de titoría, custou 757 euros.
O grupo municipal do BNG non alcanza a comprender como TURGALICIA pode realizar un investimento tan importante nunha actividade tan específica cando, ó mesmo tempo, decide retirar as axudas para os/as traballadores/as das oficinas de turismo, borrarse da Ruta do Viño da Ribeira Sacra, e ausentarse do financiamento do Consorcio de Turismo. Dende o BNG tampouco se entende que a organización do curso fose adxudicada a unha empresa sen ningún tipo de vinculación con Galicia.
Por todo o isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal o apoio para instar á Xunta de Galicia a explicar por qué TURGALICIA destina 50.000 € a un curso de 40 horas presenciais para 20 persoas ó tempo que se retira dos proxectos verdadeiramente importantes para a Ribeira Sacra.
Os nacionalistas tamén solicitan que a Xunta informe sobre cantos/as empresarios/as e profesionais do sector turístico da Ribeira Sacra asistiron ó citado curso. Piden explicacións de por qué se contratou a unha empresa de fóra de Galicia para impartir o curso, e solicitan que a Xunta aclare cal é o seu proxecto turístico para a Ribeira Sacra, especificando os obxectivos finais e as características das actuacións preferentes, así como que defina cales son as intervencións e proxectos turísticos que contarán co apoio económico do Goberno Galego.