O grupo de goberno rexistrou unha proposta relativa ós fondos do Plan Concertado e ó Programa de Teleasistencia que será debatida no próximo pleno.
Na moción fálase de que orisco de exclusión social é cada día maior, e de que o incremento do desemprego provocou un aumento do número de fogares sen ningún tipo de ingresos.
A proposta subliña que os fogares españois con tódolos seus membros en paro son 1.737.600, e que xa hai un millón e medio de parados que non cobran prestación. Engádese que un 21% da poboación española vive por baixo do limiar de pobreza e que a infancia converteuse no colectivo máis afectado por esta situación.
Ante esta dramática situación, segundo o texto da proposta, o PP non só non foi capaz de articular unha resposta senón todo o contrario, xa que o Goberno de Rajoy puxo en marcha unha política de recortes e axustes que está a provocar o desmantelamento dos servizos públicos básicos, agravando aínda máis a situación de moitos cidadáns.
Os nacionalistas explican que os fondos para programas dirixidos a menores, o Plan de Acción para persoas con Discapacidade e os fondos para a Teleasistencia suprimíronse directamente dos Orzamentos Xerais do Estado.
Tamén sinalan que o Plan Concertado sufriu recortes brutais, chegando a supoñer unha diminución do 40% respecto de 2012 e do 65% respecto do 2011.
A moción do grupo municipal do BNG rexeita os recortes aplicados ós servizos sociais e insta ó seu mantemento, ó tempo que solicita que a Xunta de Galicia e o Goberno de España repoñan os fondos do Plan Concertado e do Programa de Teleasistencia, como mínimo ós niveis do ano 201.
A proposta tamén insta á Xunta de Galicia a que, xunto coas Deputacións, constitúa unha bolsa común para os concellos de menos de 20.000 habitantes e que todos os trámites se realicen a través da Consellería correspondente, incorporando, por parte das Deputacións e a Xunta, os 2 millóns de euros recortados polo Estado ó Plan Concertado.
O grupo municipal do BNG considera que a decisión do Goberno central de retirar a súa achega para financiar os servizos sociais municipais pon en perigo o futuro destes servizos nun momento en que as familias necesitan máis axuda, no que aumentou a demanda, a pobreza, e no que os problemas sociais se dispararon (as peticións de axuda por emerxencia social incrementáronse un 200%).
Segundo o BNG, a decisión do Goberno de Rajoy de abandonar o Plan deixa ás administracións locais e autonómicas nunha situación moi difícil para soster estes servizos básicos.
Xúntanse o texto íntegro da moción.