Severino Rodríguez e Mº Xosé Vega ofreceron unha rolda de prensa para analizar a reunión do Consello Económico e Social (CES) e para anunciar unha iniciativa que presentará o equipo de goberno respecto do Plan Xeral, proposta que a voceira nacionalista trasladou os/as integrantes da Plataforma Cidadá en Defensa da Comarca de Lemos nunha reunión que mantiveron este serán.
O Alcalde dixo que despois da reunión do CES celebrada na tarde noite de onte para falar do Plan Xeral de Ordenación Municipal, chegaran a dúas conclusións:
-Continuar traballando para adaptar o Plan á realidade de Monforte.
-É imprescindible que o documento conte co apoio de toda a Corporación e o respaldo da maioría da cidadanía.
Severino Rodríguez dixo que na reunión do CES e diante da preocupación existente sobre o Plan Xeral, adquiriu o compromso de intentar conseguir que tódolos edifcios construídos con licenza queden dentro de ordenación. O Alcalde sinalou que está traballando neste senso e que reiterara esta mensaxe en moitas ocasións, xa que “tódolos veciños e veciñas son iguais e todos/as deben ser tratados da mesma maneira”.
Mª Xosé Vega referiuse ó amplo debate suscitado polo Plan Xeral, algo que atribuíu a dous motivos, “é a primeira vez que existe un debate público sobre o PXOM e hai moitas persoas preocupadas porque son propietarias de vivendas construídas con arreglo á normativa do ano 1985 (unhas normas subsidiarias perfectamente legais) que observan como no borrador do Plan quedan parcialmente fóra de ordenación”.
A voceira do goberno municipal volveu insistir en que este non é o Plan do goberno e que votaron a favor da aprobación inicial coa intención de que o documento se sometese a exposición e debate público.
Mª Xosé Vega dixo que o goberno “está ó lado das persoas que viven esta situación con preocupación” e que a súa intención é “acomodar a cidade xa construída no actual PXOM”. Vega Buján dixo que hai posibilidades legais de que isto sexa viable e por iso “este xoves presentaremos unha iniciativa para que na aprobación provisional do PXOM se recolla un enunciado no que se diga que se recoñecen as alturas e os volumes das edificcións existentes, e que toda a realidade construtiva ten cabida no Plan Xeral”. A voceira do goberno afirmou que esta proposta “tamén recolle o feito de que incluso se un edificio se derruba poida volver construirse co mesmo volume e altura que ten na actualidade”.
A proposta rexistrarase mañá nas oficinas municipais, “esta e a primeira iniciativa que presentaremos e que ten visos de ter acomodo legal e normativo, pero ademais presentaremos máis alegacións referidas a outros aspectos do Plan Xeral”, subliñou Vega Buján.
Mª Xosé Vega pediu que non se utilice o PXOM para facer campaña política, enviando unha mensaxe de tranqilidade á veciñanza afectada polo Plan Xeral. A voceira nacionailsta dixo que o primordial era lograr o respecto e a consolidación da cidade construída “para pechar un debate que impide analizar outros aspectos do Plan Xeral”.