O Alcalde reuniuse esta mañá cos integrantes do comité de empresa de Renfe en Monforte para abordar a situación orixinada polo posible traslado a Ourense dos 19 traballadores que prestan os seus servizos no taller da cidade do Cabe.
Severino Rodríguez analizou cos membros do comité de empresa a complicada situación que se vive nun taller moi importante para Monforte, con suficiente carga de traballo e con capacidade para incrementala e facer ademais outro tipo de reparacións diferentes ás que agora realiza.
Tanto o Alcalde como os integrantes do comité de empresa consideran que este taller non debería pechar, senon que a empresa debería esforzarse para “incrementar a súa carga de traballo e o número de operarios”.
Severino Rodríguez ofreceulle ó comité de empresa a posibilidade de intervir na próxima sesión plenaria que celebre a Corporación Municipal, pleno no que se debatirá unha proposta sobre esta problemática. O Alcalde trasladoulles a súa total e absoluta colaboración e disposición para defender os 19 postos de traballo do taller de Renfe en Monforte.
Os integrantes do comité de empresa e o Alcalde sospeitan que o traslado dos traballadores ó taller de Ourense sería o primeiro paso para a supresión definitiva destes 19 postos de traballo.