Gomez Besteiro e Severino Rodríguez asinaron o convenio para as expropiacións do paseo do río

O presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, visitou hoxe Monforte, onde asinou co alcalde, Severino Rodríguez, o convenio para financiar as expropiacións do paseo do río.

 

Gómez Besteiro e Severino Rodríguez asinaron na sala de xuntas da Casa do Concello o convenio para a “Expropiación de terreos para o acondicionamento das marxes do río Cabe”, mediante o que o organismo provincial achega 58.000 euros para o pagamento das citadas expropiacións.

 

Despois do acto de sinatura, o presidente da Deputación, o alcalde e concelleiros da Corporación Municipal de Monforte desprazáronse ata A Pinguela, zona por onde descorre o paseo fluvial que ten inicio no parque dos Condes e  remate na parroquia de Piñeira.

 

Severino Rodríguez explicoulle a Gomez Besteiro as actuacións a desenvolver na creación deste paseo de tres quilómetros e medio de lonxitude, que tamén  contempla a construción de pasarelas, miradoiros e áreas recreativas.

 

O presidente do organismo provincial cualificou o convenio asinado hoxe como complementario co que asinarán Deputación, Confederación Hidrográfica e Concello para o financiamento e execución das obras.

 

Gómez Besteiro solicitoulle á Xunta de Galicia “a maior celeridade na declaración e tramitación da urxencia destas expropiacións”, ó tempo que destacou a magnitude e importancia do proxecto e a contribución económica que realizará a Deputación de Lugo, “mais dun millón de euros”, sinalou.

 

O presidente provincial tamén manifestou que non é frecuente que a Deputación entre neste tipo de convenios coa Confederación Miño-Sil “dado o seu elevado custo”, aínda que matizou que si o ten feito con carácter excepcional, “tal e como sucedeu na Pontenova”.

 

Besteiro comentou que “este proxecto propiciará a proximidade da cidadanía co río”, destacando que será “unha obra moi agradecida polos monfortinos e marcará un antes e un despois na vida da cidade”. 

 

O alcalde agradeceu a visita do presidente da Deputación e o seu compromiso con Monforte, “Gómez Besteiro sempre cumpriu os seus compromisos con esta cidade”, manifestou.

 

Severino Rodríguez dixo que ante a necesidade de financiar o custo das expropiacións “mantivemos un contacto persoal co presidente para pedirlle un esforzo máis para este proxecto”. O rexedor monfortino comentou que “houbo quen puxo en dúbida ese compromiso pero eu non dubidei nunca”.

 

O alcalde dixo que no pleno do día 27 de maio aprobarase o proxecto das obras e das expropiacións, e cualificou esta actuación como “a obra máis importante en Monforte nos derradeiros anos, xunto coa potabilizadora e a residencia do Morín”.

 

Rodríguez tamén lembrou que para o goberno municipal o río sempre foi “un elemento vital da cidade que hai que recuperar para a veciñanza”. O alcalde referiuse a esta obra como “un extenso paseo peonil que contará con áreas recreativas, pasarelas e miradoiros. Unha inversión de cinco millóns de euros que  propiciará a creación de postos de traballo en Monforte”.

 

Archivos Adjuntos: