Case mil persoas e máis de 26 millóns de euros afectados pola estafa das preferentes na comarca

O alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, reuniuse hoxe martes día 21 de maio con integrantes da plataforma de afectados/as polas participacións preferentes no Val de Lemos.

 

A reunión foi convocada polo alcalde co obxecto de facerlles chegar ós propios interesados/as os datos sobre as reclamacións referidas ás mencionadas participacións presentadas na Oficina Municipal de Información ó Consumidor e na Asociación de Consumidores “Conumar”, vinculada ó Instituto Galego de Consumo, ambas con sede en Monforte.

 

Severino Rodríguez informounos sobre o número de expedientes tramitados por estas dúas oficinas, un total de 999, e sobre a cantidade monetaria que se corresponde coas mesmas, 26.313.937 euros (máis de 4.300 millóns de pesetas). O alcalde tamén lles manifestou que estes datos corresponden a dúas entidades agora fusionadas, Caixanova e Caixa Galicia.

 

A estafa das preferentes no Val de Lemos, segundo lles explicou o alcalde ós interesados/as, afecta a todo tipo de persoas: menores de idade, emigrantes, xubilados/as con escasa formación, etc… 

 

Severino Rodríguez púxose a disposición da plataforma de afectados/as para colaborar e prestar toda a axuda que dende o Concello sexa posible, coa finalidade de que as súas reivindicacións sexan atendidas por quen corresponda.

 

As persoas da plataforma solicitáronlle ó alcalde manter outra reunión a vindeira semana. O obxecto da mesma sería definir unha serie de propostas dirixidas ós afectados/as, así como accións que poderían levarse a cabo para defender os seus intereses. Esta reunión produciríase en primeiro lugar con persoas da directiva da plataforma e, posteriormente, con tódolos afectados.