O concello de Monforte presentou esta mañá en rolda de prensa un sistema de pagos virtual que permitirá á cidadanía aboar os seus impostos a través da rede, mediante a web municipal www.monfortedelemos.es
María Xosé Vega, concelleira de Facenda, xunto con Oscar Salgado, Director de Zona de Nova Galicia Banco, anunciou a creación dunha plataforma virtual de pagos que permite á cidadanía aboar os seus impostos municipais a través da web do Concello, de forma rápida e sinxela e sen ningún custe engadido.
A Pasarela Virtual de Pagos, nome que recibe o sistema informático, permite pagar todo tipo de recibos, liquidacións e autoliquidacións, tanto en período voluntario como en período executivo, de maneira totalmente gratuíta. Para utilizar esta modalidade de pago os cidadáns deben ingresar na web do Concello e facer click na pestana da aplicación ou no banner móbil que dá acceso ó sistema, despois o asistente da plataforma solicita a información pertinente e guía ó usuario durante o resto da operación. Os cidadáns deben ter en conta que para realizar os pagos a través deste procedemento precisan ter a man unha copia do recibo ou da autoliquidación emitida polo Concello e unha tarxeta de crédito ou débito, de calquera entidade bancaria, pero que se atope en vigor.
O servizo, que está en funcionamento desde hoxe mesmo, nace coa pretensión de “facilitar o procedemento de pago ós cidadáns, tanto para aqueles que residen en Monforte, coma para aqueles que non o fan pero teñen a obriga de tributar os seus impostos”, comentou María Xosé Vega. A concelleira mostrouse moi contenta e agradeceu á Nova Galicia Banco a súa colaboración neste proxecto. Dixo que o Concello o que fai é dar facilidades, e subliñou que con este método de pago, simplemente entrando na web do Concello, “os cidadáns aforran tempo e evitan esperas en calquera entidade financeira”.
Oscar Salgado, quen tamén se mostrou moi satisfeito en poder colaborar nesta iniciativa dixo “no noso decálogo de compromiso o cliente é o centro das nosas decisións; nese aspecto quixemos apurar para sacar adiante esta iniciativa e que o próximo imposto do IBI os cidadáns monfortinos poidan pagalo mediante este procedemento”. Salgado tamén fixo unha demostración de como funciona o sistema; apuntou que a única información necesaria para facer o trámite é ingresar os catro díxitos que figuran na parte superior do recibo e a información referente á tarxeta de crédito ou de débito a través da que se vai realizar o pago. Asegurou que “non cabe posibilidade de erro, por exemplo pagar o recibo doutro contribuínte ou pagar o mesmo recibo dúas veces, xa que cando se ingresa calquera dato incorrecto a páxina remítenos ó erro e non efectúa a operación”. Por último, engadiu que existe unha diferenza substancial no que respecta á utilización deste método de pago, pois supón moitas comodidades.