Monforte aspira a acoller a pretempada do Deportivo

O adestrador do R.C Deportivo da Coruña, Fernando Vázquez, e o director deportivo do club, Ernesto Bello, visitaron esta mañá as instalacións deportivas de Monforte e o Hotel Balneario Augasantas, en Pantón.

 

Adestrador e director deportivo acudiron a Monforte invitados pola concellería de Deportes, interesada en que o club herculino realice a súa pretempada, entre os días 14 e 26 de xullo, na cidade do Cabe.

 

Fernando Vázquez e Ernesto Bello, acompañados polo alcalde, Severino Rodríguez, e polo asesor da concellería de Deportes, José Antonio Díaz, visitaron o campo de futbol da Pinguela e o ximnasio e a piscina cuberta municipal, trasladándose logo ata o Hotel Balneario Augasantas para coñecer as posibilidades que lle brinda este establecemento hoteleiro.

 

O adestrador deportivista quedou satisfeito coas instalacións deportivas monfortinas, das que dixo que cubrían as súas expectativas, e tamén coas posibilidades que lles ofrece o aloxamento no Hotel Balneario Augasantas, valorando de xeito moi positivo as súas dependencias.

 

Despois dunha visita que se prolongou durante dúas horas, Fernado Vázquez e Ernesto Bello dirixíronse cara a Vilalba, lugar habitual nas pretempadas do R. C. Deportivo da Coruña, para coñecer a oferta da vila chairega en aloxamento e instalacións deportivas.

 

En poucos días o club coruñés deberá decidir cal das dúas localidades é a máis idónea e a que mellor satisfai as necesidades do equipo para levar a cabo a pretempada.