O Concello pon en marcha un Programa de Préstamo de Libros

A concelleira de Benestar Social, Pilar López, acompañada polas directoras dos colexios A Gándara e CEIP Monforte, Gloria Cortiñas e María Núñez, respectivamente, presentou o Programa de Préstamo de Libros posto en marcha pola súa delegación.

 

Pilar López agradeceu a colaboración destes dous colexios e fundamentou esta iniciativa solidaria na delicada situación laboral e económica actual que están a sufrir un gran número de familias. A concelleira dixo que esta situación víase agravada “polos sucesivos recortes sociais que vimos padecendo nos últimos meses e que configuran un contexto social que provoca unha fonda e lóxica preocupación”.

 

A responsable de Benestar Social recoñeceu que o impacto que estes recortes teñen sobre a poboación é moito maior que a capacidade das administracións locais para contrarrestalos, pero que “o noso deber é intentalo, poñendo en marcha iniciativas que, aínda que sexa de maneira parcial, sirvan para axudar nalgunha medida ás persoas e ás familias con recursos económicos máis baixos”.

 

Con este obxectivo, Pilar López anunciou a creación dun PROGRAMA DE PRÉSTAMO DE LIBROS DE TEXTO. Un  proxecto pensado para favorecer a reutilización dos libros de texto de primaria nos CEIP A GÁNDARA e  MONFORTE. Un programa voluntario e de carácter solidario que precisa da colaboración dos centros e, sobre todo, das familias, para poder ser unha realidade.

 

O proxecto que se vai levar a cabo como iniciativa municipal desenvolverase en tres fases, e ten en conta os períodos nos que os centros educativos están abertos:

 

  • Primeira fase: Do 25 de xuño ao 5 de xullo, tódalas persoas que o desexen poderán proceder á entrega de libros de texto en bo estado no centro educativo no que curse estudos o seu fillo/a.

 

  • Segunda fase: Do 8 ao 19 de xullo, as persoas interesadas en beneficiarse desta iniciativa poderán presentar nos colexios a solicitude para a obtención e uso dos libros de texto dispoñibles.

 

  • Terceira fase: Do 2 ao 6 de setembro. Entrega de libros de texto ás familias seleccionadas no centro educativo de referencia.


Tódolos trámites faranse no propio colexio en horario de 10:00 a 13:00 horas.

 

Dende a delegación de Benestar Social, a mediados do mes de agosto e unha vez realizada a valoración das solicitudes presentadas, comunicarase ás familias participantes neste programa que libros van recibir e cales deberán mercar. Deste xeito evitaranse atrancos de última hora tanto para as familias como para os libreiros.

 

Pilar López indicou que a documentación que se solicita para poder participar neste Programa pode parecer excesiva , pero resulta imprescindible para poder valorar dunha maneira xusta cales son as familias con maiores necesidades “tanto pola propia situación familiar como pola situación económica, xa que do que se trata e de axudar ás familias máis necesitadas”, engadiu.

 

Os conserxes destes dous colexios serán os encargados de recoller os libros e as solicitudes, contando co apoio de persoal dos Servizos Sociais, departamento municipal que se encargará de valorar as solicitudes presentadas.

 

Finalmente, a concelleira de Benestar Social tamén anunciou que o Concello volverá conceder este ano becas para a compra de libros e material escolar, algo do que se dará cumprida información en vindeiras datas.