A concelleira de Promoción económica, Mª Xosé Vega, deu a coñecer os datos dunha enquisa realizada entre o comercio local sobre a reforma da Praza de Abastos e os Mercados Temáticos que se celebran nese espazo.
Vega Buján dixo que no mes de agosto se cumprira o primeiro aniversario destes novos espazos de negocio, “uns espazos que funcionan ben, tanto o dos praceiros coma o dos Mercados ou o espazo gastronómico”, sinalou. A concelleira falou de que os Mercados Temáticos cumpren os seus obxectivos, entre eles “funcionar como reclamo para que a cidadanía se achegue á Praza, xa que no mes de agosto foron 5.000 persoas as que pasaron polos Mercados dos produtos da Ribeira Sacra”.
A responsable da área municipal de Promoción Económica dixo que o gran obxectivo da reforma e do concepto da Praza era “atraer novos consumidores a unha Praza en decadencia, unha promesa que se cumpriu”.
Mª Xosé Vega subliñou que se tiña cuestionado en moitas ocasións se a reforma da Praza e os Mercados Temáticos tiñan interese para o comercio local, motivo polo que o Concello quixo saber cal era a opinión dos propios comerciantes.
Por isto, durante o mes de setembro o concello de Monforte realizou unha enquisa entre os comerciantes para sondar o seu grao de coñecemento e satisfacción respecto á reforma da Praza de Abastos e á celebración dos Mercados Temáticos, co obxectivo de planificar a súa celebración para o ano próximo.
Cento vinte e dous comerciantes foron convidados a realizar esta enquisa, dos cales 103 aceptaron e os 19 restantes decidiron non participar, na maioría dos casos por tratarse de cadeas comerciais ou franquías cuxo propietario non reside en Monforte.
Os establecementos dos/das comerciantes consultados/as emprázanse nas rúas Doutor Teijeiro, Comercio, Inés de Castro, Praza de España, Cardeal, Hermida Balado, Hortas, Avenida de Galicia, Roberto Baamonde, Dr. Casares, Paseo de Lugo, Reboredo, Escultor Francisco Moure, Compañía, e Benito Vicetto.
Dos 103 participantes, 76 consideraron que a reforma da Praza de Abastos foi positiva e 24 manifestaron, pola contra, que non o foi.
Cando se lles pediu que valorasen entre 1 e 10 o interese que ten para a cidade a celebración de Mercados Temáticos, a nota media acadada foi de 7,5.
Dos 103 entrevistados só un 22% acudiu nalgunha ocasión como vendedor a estes Mercados, debido a qué, polo de agora, só se celebran mercados gastronómicos. Sen embargo, 63 manifestaron o seu desexo de participar se os Mercados tivesen que ver co seu sector. Quizás por iso cando se lles pregunta polo interese dos Mercados Temáticos para o comercio local, aínda que a nota segue sendo alta, baixa ata un 6,8.
Destacable é tamén o grao de coñecemento dos Mercados que se celebran, xa que un 97 % dixo coñecer a súa existencia e un 84 % acude ós mesmos como cliente.
Vega Buján dixo que estes resultados “anímannos a seguir na liña iniciada e a mellorar, en parte grazas ás suxestións feitas polo comercio local”. A concelleira comentou que a intención “é chegar a ter un Mercado cada fin de semana, aínda que non sexa de carácter gastronómico”. Mª Xosé Vega indicou que o obxectivo de tódalas cidades é reflotar os mercados de abastos introducindo actividades diferentes ás tradicionais e qué “agora mesmo hai cidades que están poñendo en marcha a mesma estratexia que puxo Monforte hai un ano”.
A concelleira de Promoción Económica anunciou que o Concello, grazas a unha subvención da Consellería de Economía e Industria (75 %) e a fondos propios (25 %), “vai executar nos próximos meses obras de mellora na zona dos praceiros, actuacións que afectarán á decoración do espazo” e, ademais, “ faremos intervencións destinadas a solucionar defectos de obra” comentou.
Finalmente, Mª Xosé Vega, dixo que estaban pendentes de conceder tres postos vacantes na Praza, comentando qué “hai xente interesada e agardamos que se cubran con actividades diferentes ás existentes na actualidade”.