O Concello leva máis dun ano reclamando a subsanación de deficiencias na obra da Praza de Abastos

O Concello de Monforte está actuando correctamente respecto á reclamación da reparación das deficiencias da obra de reforma da Praza de Abastos, reclamación presentada á UTE formada polas empresas Gestión Ambiental de Contratas S.L. e Pozanca S.L, reponsables da execución do proxecto.

 

A concelleira de Facenda e Promoción Económica, Mª Xosé Vega, falou do proceso que seguen as reclamacións presentadas polo Concello para que esta UTE se faga cargo de solucionar as deficiencias detectadas.

 

Vega Buján explica que o día 18 de xullo de 2013 o Concello, despois de ter realizado múltiples requirimentos verbais, dirixiuse á empresa por escrito solicitando a subsanación das deficiencias detectadas na obra. Esta comunicación produciuse unha vez que o Goberno Municipal dispuxo do informe realizado polo arquitecto monfortino Luis Quiroga, director da obra de reforma da Praza de Abastos.

 

Nesta comunicación e seguindo o recollido no informe, o Concello valorou as reparacións en 31.835,93 €. A empresa respondeu a esta demanda efectuando unha pequena actuación valorada aproximadamente en 1.000 €, “facendo caso omiso das reclamacións do Concello”, sinala Vega Buján.

 

Diante da falta de resposta ás demandas municipais, o día 9 de outubro de 2013 o Concello iniciou o procedemento para incautar parcialmente a garantía de obra, un proceso lento e con múltiples trámites e alegacións.

 

O día 11 de marzo de 2014 o Concello recibe un escrito do xulgado comunicando que a empresa interpuxo un contencioso administrativo contra o Concello solicitando a suspensión cautelar da incautación da garantía.

 

O Concello oponse a esta pretensión da empresa e debe agardar a que o xulgado decida sobre a incautación para poder facer as obras de subsanación de erros construtivos. O diñeiro da garantía só pode ser utilizado para acometer estas actuacións motivo polo que, se o Goberno Municipal realizase as mesmas con fondos propios e logo recibise o diñeiro da garantía, “tería nas arcas municipais un diñeiro que non podería utilizar”, comenta a concelleira de Facenda. 

 

Vega Buján salienta que os grupos da oposición municipal dispoñen de toda a documentación sobre este proceso xa que “figura en acordos de Xuntas de Goberno, en Decretos da Alcaldía, e o asunto mesmo foi debatido en sesión plenaria”.

 

As deficiencias de obra que se recollen no informe realizado polo arquitecto director da mesma refírense, fundamentalmente, a aspectos relacionados coa impermeabilización e reparación de filtracións, así como á substitución de unidades de obra de calidades diferentes ás proxectadas inicialmente.

 

 

  

Archivos Adjuntos: