Rosa Ana Somoza substituirá a Xosé Manuel Pavón no Goberno Municipal

O alcalde, Severino Rodríguez, o concelleiro de Obras, Xosé Manuel Pavón, e a súa substituta no Goberno Municipal, Rosa Ana Somoza Vila, anunciaron en rolda de prensa os cambios nas tarefas do Goberno de Monforte.

 

Xosé Manuel Pavón deixa o Goberno Municipal por motivos de saúde, o alcalde asumirá a concellería de Obras, e Rosa Ana Somoza encargarase de tres competencias que ata agora correspondían a Pilar López: Educación, Xuventude e Normalización Lingüística.

 

O alcalde dixo que na súa traxectoria no BNG e sobre todo no proceso de cambio levado a cabo pola formación política, “Pavón foi a persoa máis determinante”. Lembrou que nesa época reuníanse tódolos días para falar e que os dous sempre tiveron claro que “o importante non éramos nos, senón o proxecto para o que traballábamos”.

 

Severino Rodríguez comentou “Pavón e máis eu somos unlla e carne e ímolo seguir sendo”, sinalando que Xosé Manuel Pavón vai seguir colaborando e que el vaino seguir chamando para asesorarse.

 

O alcalde quixo destacar dous valores que encarna a figura de Pavón “unha persoa austera e con gran rigor moral”, engadindo que dentro do grupo municipal “foi o abanderado do sentimento crítico, pero sempre o máis leal e o gran defensor do compañeiro”.

 

Rodríguez tamén quixo destacar o proceso de humanización das rúas acometido por Pavón “para mellorar a calidade de vida da cidadanía”, e as importantes obras na zona do Hospital para evitar asolagamentos “con todo o que choveu este inverno, en Monforte non houbo inundacións”, comentou o alcalde.

 

Finalmente, Severino Rodríguez dixo que non había tristura na despedida de Pavón “por qué vén outra compañeira disposta a traballar por Monforte” e por qué “buscarei a colaboración de Pavón en tódolos asuntos de obras, dada a súa gran experiencia”.

 

Xosé Manuel Pavón dixo que continuará vivindo en Monforte e participando na vida política. Falou da tremenda ilusión por gobernar en Monforte e facer cousas pola cidade, e destacou a unión do grupo de goberno “sen desavenencias e sempre en favor do proxecto”.

 

Pavón comentou que “foi un honor sentir o calor do grupo e de moitos veciños e veciñas nos momentos difíciles”, e deulle a benvida a Rosa Ana Somoza comentando “vaste atopar con milleiros de problemas, pero nunca che vai faltar o cariño do grupo”.

 

Rosa Ana Somoza agradeceu as palabras dos compañeiros e dixo que chegaba ó Goberno Municipal “con ilusión, gañas e compromiso, disposta a facelo o mellor posible”. Rosa Ana sinalou que asumirá as competencias en Educación, Xuventude e Normalización Lingüística e que colaborará estreitamente coa persoa que agora asume esas concellerías, Pilar López.