Os concellos de Lugo e Monforte forman un eixe en defensa do AVE

Os concellos de Lugo e Monforte suman esforzos para evitar que o Ministerio de Fomento marxine á provincia de Lugo na chegada do AVE a Galicia.

 

Os Alcaldes de Lugo, José López Orozco, e de Monforte, Severino Rodríguez, reuníronse onte co senador Ricardo Varela e o deputado en Cortes José Blanco, para plantarlle cara ó Goberno do Partido Popular e evitar que se consume unha nova marxinación da nosa provincia.

 

A celebración deste encontro produciuse logo de que o senador socialista Ricardo Varela descubrira as intencións do Goberno de Rajoy respecto do AVE en Lugo. Primeiro conseguiu acreditar que o Ministerio de Fomento suspendera hai dezaseis meses a tramitación do proxecto para a construción da Estación Intermodal de Lugo, e despois tivo coñecemento de que tamén se deu orde de paralizar a construción da variante de Pobra de San Xiao da Alta Velocidade.

 

O alcalde de Lugo destacou que estamos ante “un grave problema e un novo agravio para a nosa cidade e para a provincia” polo que se deben implicar todas as institucións e veciños para impedir que o Goberno nos exclúa da chegada da Alta Velocidade.

 

“Espero que os lucenses reaccionemos e para iso imos poñer todos os nosos esforzos”, destacou López Orozco, que se felicitou pola celebración desta xuntanza das cidades que “temos que liderar esta protesta e este movemento na defensa da Alta Velocidade”.

 

Ademais, o alcalde de Lugo reclamou explicacións ó presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para que responda públicamente se sabía que se paralizaba o convenio que firmaran e que posibilitaba a adxudicación do proxecto da Estación Intermodal.

 

Pola súa parte, o alcalde de Monforte destacou que “cada vez que un político minte dinamita a democracia” e explicou que, grazas ós escritos que lle facilitaron na reunión os parlamentarios socialistas, tivo ocasión de comprobar documentalmente que hai unha orde de paralización de infraestruturas “que repercuten de maneira determinante no trazado ferroviario que ten que pasar por Monforte”.

 

Ademais, Severino Rodríguez anunciou que “unha vez que teño esa documentación por escrito que dá fe de que nos estiveron enganando, o primeiro que vou  facer é informar ó Consello Económico e Social de Monforte e trasladar isto ó Pleno da Corporación para que se tomen as medidas oportunas e desenmascarar esta mentira que nos estiveron contando durante todo este tempo porque, reitero, cada vez que un político minte, e isto o PP por desgraza  faino con demasiada frecuencia, o que está é acabando coa democracia e, desde logo, nós non imos permitir isto”.

 

A celebración da reunión foi unha iniciativa do senador socialista Ricardo Varela, quen salientou a importancia da creación dun eixo Lugo-Monforte na defensa do AVE porque, destacou, está claro que “o PP ten tomada a decisión de que a provincia de Lugo quede fóra do AVE”.

 

Ricardo Varela destacou que, para loitar contra esa nova marxinación á provincia de Lugo, “pareceume que debía trasladar esta información ós alcaldes de Lugo e Monforte para que teñan todos os datos” e sinalou a necesidade de “poñer en marcha iniciativas de todas as institucións para tratar de evitar que Lugo sexa a única provincia que quede fóra do AVE”.

  

Archivos Adjuntos: