Unha APP para teléfonos móbiles ofrecerá información turística e de servizos en Monforte

O concello de Monforte porá a disposición da veciñanza e dos/das visitantes unha Aplicación de Turismo e Servizos que estará dispoñible nas principais plataformas (Android e IOS).

 

Esta aplicación foi encargada á empresa monfortina ProWebPC, e agárdase que antes do verán estea plenamente operativa.

 

Nos próximos días responsables de ProWeb PC visitarán os establecementos comerciais do Concello para recoller información actualizada de cada un deles. Sobre esta información inicial, os comerciantes e hostaleiros poderán, nunha etapa posterior, solicitar a introdución de cambios concretos que se axusten á nova realidade do seu negocio.

 

Esta aplicación nace para dar servizo tanto ós turistas e persoas que nos visitan como á veciñanza de Monforte, xa que se trata dunha guía completa de servizos na que poderemos atopar a situación e contacto de calquera establecemento.

 

Entre as características da aplicación destacan: a posibilidade de trazar unha ruta dende a situación actual do/da usuario/a ata o punto de destino; un lector de código QR para visualizar a información dos lugares de interese; e un directorio telefónico para os contactos dos servizos municipais máis importantes.

 

Está previsto que en futuras versións desta aplicación se poidan incorporar servizos e ferramentas de utilidade para facilitar o contacto entre a cidadanía e as institucións municipais.

 

Con esta ferramenta o Concello aposta por apoiar a innovación e a creatividade das empresas de Monforte, principalmente grazas a acordos e convenios coa Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.