O Alcalde, Severino Rodríguez, e a Concelleira de Cultura, Pilar López, presentaron a edición dun libro conmemorativo da figura do poeta monfortino Lois Pereiro. Trátase dunha edición enmarcada nos actos programados polo Concello para conmemorar o ano 2015 como Ano Lois Pereiro.
O libro, do que se editaron 200 exemplares, será repartido nos centros educativos da localidade e nas bibliotecas públicas da Comarca, co obxectivo de dar a coñecer máis a figura deste emblemático poeta.
A publicación divídese en dúas partes. Unha primeira que recolle as intervencións dos membros da Real Academia Galega no 2011, cando se dedicou o Día das Letras Galegas a Lois Pereiro. A segunda parte está composta por unidades didácticas dirixidas a nenos e nenas de Educación Infantil, 3º Ciclo de Primaria, ESO e Bacharelato.
Estas unidades foron elaborados pola profesora de ensino secundario María Dolores Cid Cid, e combinan traballao tradicional con dinámicas de xogo, novas tecnoloxías e investigación, co fin de dar a coñecer Monforte e a figura de Lois Pereiro dunha forma lúdica e dinámica.
Pilar López destacou a importancia deste poeta no acervo cultural monfortino e a razón desta homenaxe en forma de libro, como “o tributo dun pobo que o ama e o recoñece. Perdurará por sempre como unha reivindicación dos valores que representa e unha mostra do eterno orgullo e agradecemento” .
O Alcalde, quixo aproveitar para agradecer o traballo realizado por Xosé Rodríguez Díaz para facer posible esta publicación, e o de Pilar López, como Concelleira de Cultura, pola súa implicación na coordinación de todo este traballo.
Para Severino Rodríguez “a figura de Lois Pereiro é un patrimonio cultural importantísimo, e debemos poñer en valor todo o que teña que ver con esta cidade e a súa xente”.
Esta publicación forma parte das actividades programadas polo Concello para conmemorar o ano 2015 como o Ano Lois Pereiro. Hai uns días tamén se presentou a nova denominación da Casa da Cultura e a Biblioteca Municipal como Poeta Lois Pereiro, así como a imaxe de marca da biblioteca pública.