O concello de Monforte participará na feira loxística de Madrid compartindo stand co Cluster da Loxística e coa Xunta de Galicia.
No stand do Cluster da Loxística, ademais da promoción propia deste grupo de empresas, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) promoverá a totalidade do solo loxístico de Galicia, e o concello de Monforte fará o propio co Porto Seco da nosa cidade.
A presenza da plataforma monfortina nesta feira é consecuencia da estreita colaboración entre a Xunta, o Cluster e o Concello, para promover o Porto Seco, constituíndo unha gran oportunidade para difundir as características e potencialidades deste solo industrial.
O alcalde de Monforte asistirá a esta importante cita para o mundo da loxística coa decidida intención de poñer en valor as instalacións e posibilidades da plataforma da nosa cidade, así como de ampliar contactos entre as grandes empresas do sector.
As instalacións do Porto Seco difundiranse a través de dous paneis informativos: un sobre a situación xeográfica e as conexións por estrada e ferrocarril coas infraestruturas portuarias e aeroportuarias galegas e do norte de España e Portugal, e outro que recolle as características da plataforma monfortina e os diferentes espazos da súa superficie.
Outro soporte para promover o Porto Seco será a distribución de trípticos en galego, español e inglés, nos que se detalla a información básica sobre a plataforma loxística de Monforte.
A III edición da “Plataforma Comercial del Almacenaje, Manutención y Logística”, LOGISTICS Madrid, celebrarase os días 13 e 14 de novembro e contará coa participación de numerosas empresas vinculadas ó sector do transporte, a loxística e o almacenaxe.
Este espazo consolídase ano tras ano como punto de encontro obrigado para as empresas españolas do sector, reunindo na súa última edición a máis de 150 expositores que mostraron as súas novidades a 4.540 visitantes exclusivamente profesionais.