O audiovisual contado por profesionais nunhas xornadas en Monforte

O concello de Monforte, en colaboración coa Vicepresidencia Primeira  da Deputación de Lugo, organiza as Xornadas Audiovisuais 27400, que se levarán a cabo os días 26, 27 e 28 de decembro nas instalacións da Casa da Cultura do Concello.

 

Estas xornadas teñen como obxectivo achegar ó público a metodoloxía de traballo nos diferentes ámbitos do audiovisual, poñendo en valor a importancia do sector cultural como industria e soporte principal da identidade de país.

 

Durante tres días os relatores interactuarán cos asistentes mediante charlas, visionados e obradoiros, explicando a profesión desde a súa propia experiencia.

 

Non se trata que destas xornadas saian profesionais cualificados, pero si que as persoas que asistan saian cunha idea do traballo que hai detrás das cámaras, traballo técnico e traballo artístico.

 

Así, poderán ver como se organiza unha rodaxe, como é o traballo dun director de fotografía, entender cales son as motivacións dun director para contar unha historia, a importancia do que se escoita nunha película, como se prepara un actor para enfrontarse a unha personaxe, e a relación creativo cliente cando se aborda un traballo publicitario. Todo contado por profesionais que teñen en  Monforte un nexo común.

 

O día 23 de Decembro, ás 18.30h, farase unha pequena presentación das Xornadas Audiovisuais 27400 no Centro do Viño, dirixida tanto á prensa como ó público en xeral.

 

A inscrición nas xornadas é completamente gratuíta e pode formalizarse escribindo un email na dirección xornadasaudiovisuais@gmx.com.