A Asociación Monfortina de Amigos do Ferrocarril (AMAFER), en colaboración co Concello de Monforte, a Consellería de Medio Ambiente, a Deputación de Lugo, e os colexios profesionais de Xornalistas e de Enxeñeiros de Camiños e Portos, convoca un premio que recoñece o labor de persoas ou colectivos a prol do ferrocarril en Galicia.
Representantes destas institucións e colexios profesionais acompañaron ó presidente de AMAFER, Fermín Avellaneda, na presentación que tivo lugar na Casa do Concello de Monforte.
O presidente de AMAFER dixo que o premio quería recoñecer ás persoas que traballan en favor do ferrocarril, “ben por unha actuación especial ou puntual, ou por unha dilatada traxectoria en defensa do ferrocarril”, manifestou.
As propostas de candidatos/as a recibir este premio deben dirixirse ó correo electrónico amafer1@gmail.comantes do día primeiro de abril. O premio ten carácter bienal e consistirá nunha reprodución da escultura homenaxe ós ferroviarios inaugurada recentemente en Monforte.
A comisión encargada de valorar as candidaturas, presidida polo alcalde de Monforte e integrada por representantes das institucións e colexios profesionais colaboradores, reunirase despois do primeiro de abril para emitir o seu veredicto. O premio entregarase en Monforte o día 16 de maio, data do aniversario da inauguración da liña ferroviaria Vigo – Monforte.
A directora xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, Mª del Camino Triguero, destacou a vinculación de Monforte co ferrocarril e o seu papel como nó ferroviario dende o século XIX, “papel que manterá de cara ó futuro a través do porto seco”, sinalou.
Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio de Xornalistas de Galicia, falou do tren como algo que forma parte do imaxinario dos monfortinos e que, “á marxe do seu carácter romántico está vinculado indisolublemente ó progreso social”, comentou.
O alcalde de Monforte agradeceu a iniciativa de AMAFER e o respaldo de todos os que asistiron á rolda de prensa, considerando fundamental recoñecer o traballo das persoas que defenden o ferrocarril.