Patrimonio e Concello colaboraron desde o 2012 na mellora da pérgola do parque dos Condes

A concelleira de Facenda e primeira tenente de alcalde, Mª Xosé Vega Buján, respondeu ás críticas dos grupos da oposición, PP e PSOE, sobre a instalación dunha pérgola no parque dos Condes.

 

Mª Xosé Vega referiuse ás dúas cuestións que critican populares e socialistas, a hipotética ausencia de autorización por parte de patrimonio e a adxudicación directa da obra a unha empresa de Ourense.

 

En canto á adxudicación da obra, Vega Buján cualificou as acusacións da oposición de “indignas” porque dixo “este Concello contrata empresas de Monforte sempre que pode, e só recorre a empresas foráneas cando as locais non poden ofrecer os servizos requeridos ou os prestan a un prezo moi superior”.

 

Segundo comentou a tenente de alcalde, para a construción desta pérgola, actuación incluída nun proxecto moito maior e que recolle varias intervencións nesa zona do parque dos Condes, “hai un presuposto feito por técnicos, unha valoración económica que nos indica que o custo non debe superar os 20.000 euros”. Vega Buján explicou que esta foi a cantidade que se pediu á Deputación de Lugo, subvención que concedeu o organismo provincial.

 

Unha vez que o 5 de novembro do 2013 o Concello recibiu o permiso de patrimonio para levar a cabo esta actuación, segundo explicou Vega Buján, dirixiuse a unha empresa monfortina solicitando presuposto, “esta empresa entregou o orzamento o dia 21 de novembro por un prezo de 26.299 € sen incluir as zapatas de suxección”. Despois de comentarlle que revisase a contía da actuación “a empresa manifestou que non podía baixar máis”, sinalou a concelleira.

 

Mª Xosé Vega explicou que se solicitou un novo orzamento a outra empresa monfortina, presuposto entregado o día 3 de decembro cun prezo de 26.257 €, neste caso incluíndo as zapatas de suxección. A concelleira tamén solicitou unha baixa no prezo pero a empresa dixo non poder asumilo.

 

Finalmente, con data 18 de decembro recibiuse un presuposto dunha empresa de Ourense por un prezo inferior ós 20.000 €, cifra que se axustaba á valoración feita polos técnicos. O Concello aceptou este presuposto.

 

En canto á paralización das obras por parte de patrimonio, Vega Buján indicou que “o Concello está traballando neste proxecto, conxuntamente con patrimonio, dende finais do ano 2012”. A tenente de alcalde dixo que “a relación con patrimonio sempre foi fluida e o proxecto foise mellorando como consecuencia desta relación”. Segundo explicou, “hai un expediente desde finais do 2012, nada é froito da improvisación, e patrimonio aprobou e consentiu os materiais a utilizar”. Vega Buján comentou que a paralización das obras “débese a un matiz de interpretación do propio permiso concedido por patrimonio, algo que estará solucionado no prazo de quince días”, engadindo qué “non hai ningunha polémica con patrimonio e que ninguén a busque porque non a vai atopar”.

 

A tenente alcalde lamentou que a oposición buscase protagonismo nos medios de comunicación antes de pedir explicacións e documentación no Concello.