O Concello pide o mesmo respecto que o que se lle outorga a Patrimonio

A concelleira de Facenda e primeira tenente de alcalde, Mª Xosé Vega Buján, quere responder ás críticas do voceiro municipal do PSOE sobre a instalación dunha pérgola no parque dos Condes.

 

Mª Xosé Vega indica que José Tomé, a pesar de manexar o expediente de solicitude de autorización da obra dirixido a patrimonio, continua insistindo na hipotética ausencia de autorización por parte deste organismo.

 

A concelleira e primeira tenente de alcalde manifesta que “o único delito que cometemos foi cambiar a orde de execución das pérgolas, entendendo que Patrimonio informara favorablemente a última petición do Concello, cuestión na que radica a diferenza de interpretación”. Vega Buján sinala que “no caso de ter empezado a obra pola zona das casetas, tal como tiñamos previsto inicialmente e antes de que os propios vendedores do mercado nos solicitasen que o fixésemos na zona máis próxima á rúa Cardeal, non habería ningún problema”.

 

Mª Xosé Vega insiste, tal e como demostra a documentación que adxuntamos, que o único problema foi de interpretación da terceira resolución favorable de Patrimonio. Vega explica que “na solicitude de variación do proxecto remitida a patrimonio en outubro do 2013 xa figuraban as dúas pérgolas coas mesmas dimensións, 40 metros”.

 

Cando Patrimonio responde a esta terceira solicitude de variación do proxecto “faino no sentido de informar favorablemente este expediente. “O Concello entende que dá igual a orde de execución do proxecto, cousa que para Patrimonio non é así”. Para Patrimonio hai autorización para facer unha pérgola de 40 metros na zona das casetas e de 25 metros na zona próxima á rúa do Cardeal, motivo polo que o Concello solicita a Patrimonio que permita facer unha pérgola de 40 metros como a autorizada para a zona das casetas”.

 

Mª Xosé Vega manifesta que todo o proceso de contaratación e de realización do gasto “non tiveron ningunha advertencia por parte dos servizos internos do Concello, senón que foron obxecto dunha tramitación apropiada e correcta”.

 

“O Concello non trata de enganar a ninguén, en todo caso enganouse el mesmo”, afirma Vega Buján en resposta a José Tomé.

 

A concelleira sinala que “Patrimonio autorizou desde un primeiro momento a actuación na zona do auditorio e, despois de que o Concello modificase a utilización dalgúns materiais na construción da pérgola, non puxo reparos no seu segundo informe con data de febreiro de 2013”. “O Sr. Tomé tamén minte nisto, xa que Patrimonio só informou desfavorablemete unha parte do proxecto nunha única ocasión”, afirma Mª Xosé Vega, quen critica “as ansias do voceiro socialista por conseguir titulares de prensa”.

 

Vega Buján considera que “Monforte ten outros problemas sobre os que debater e encher páxinas nos xornais que a diferente interpretación dun expediente administrativo”.

 

Xúntanse as tres peticións realizadas polo Concello e os tres informes de Patrimonio.