A consellería de Sanidade comeza a privatizar servizos no Hospital de Monforte

O alcalde de Monforte reuniuse no día de onte con integrantes da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública (PLADESAPU), os cales lle trasladaron a súa preocupación pola privatización de servizos nos hospitais públicos do SERGAS.

 

Severino Rodríguez recibiu información sobre o inicio do proceso de privatización da xestión do material estéril dos hospitais, publicado no Diario Oficial da Unión Europea o pasado día 2 de xaneiro. Comunicáronlle que os/as profesionais dos Servizos de Medicina Preventiva e os/as Supervisores das Centrais de Esterilización dos hospitais do SERGAS, dirixiron unha carta á conselleira de Sanidade solicitándolle a paralización do concurso de privatización das actividades de esterilización. Este escrito foi asinado pola totalidade dos/das supervisores/as das centrais de esterilización e pola gran maioría dos/das xefes de servizo e responsables dos Servizos de Medicina Preventiva.

 

Na citada carta os/as profesionais aluden á súa experiencia e coñecemento científico sobre esterilización de material sanitario, e falan dos avances tecnolóxicos rexistrados nos últimos anos nas centrais de esterilización, o que permitiu unha elevada efectividade no seu labor.

 

A Consellería adoptou unilateralmente a decisión de privatizar este servizo, sen consultar ós e ás profesionais da sanidade pública e sen que exista evidencia científica de que a privatización vaia mellorar a eficiencia no uso dos recursos destinados á esterilización. Os e as profesionais sanitarios descoñecen a existencia de informes técnicos que avalen esta privatización.

 

Despois de analizar a información recibida nesta reunión cos integrantes de PLADESAPU, o alcalde quere manifestar a súa “gran preocupación” por esta decisión da consellería de Sanidade, unha decisión que cualifica como “moi grave” e que considera “non se pode permitir”.

 

Severino Rodríguez puido constatar que a chamada “xestión integrada dos hospitais públicos” non só suporá a perda de capacidade de xestión de moitos hospitais, senón que “facilitará a privatización de varios servizos ó reunir nunha mesma oferta os pertencentes a diferentes hospitais”.

 

O alcalde considera que, despois da sentenza contra a privatización da sanidade pública madrileña, a Xunta do PP pretende “ir pouco a pouco, de maneira silandeira, privatizando certos servizos ata chegar á desaparición da sanidade pública”.

 

Severino Rodríguez enviaralle unha carta á conselleira de Sanidade preguntando polo publicado no Diario Oficial da Unión Europea o pasado día 2 de xaneiro e polas consecuencias que esta decisión poida ter para o Hospital Comarcal de Monforte.

 

O alcalde está convencido de que esta decisión suporá a perda de capacidade cirúrxica do Hospital monfortino e a perda de catro postos de traballo. Rodríguez pregúntase se a privatización do servizo de esterilización “dará paso á privatización dos servizos de laboratorio, raios, informática, ou xestión de nóminas”.

 

Severino Rodríguez considera que se non se anula o proceso de privatización do servizo de esterilización “estase firmando o primeiro paso da defunción do Hospital Comarcal de Monforte como servizo público”.

 

  

Archivos Adjuntos: