Esta fin de semana comeza unha nova tempada para os Mercados de Monforte

O Espazo Central do Praza de Abastos volverá abrir as súas portas esta fin de semana, días 8 e 9 de febreiro, para acoller un mercado dedicado ós produtos recollidos, elaborados ou envasados na Ribeira Sacra.

 

Un total de nove postos ofrecerán viños, aceites, embutidos, queixos, iogures, verduras, legumes, froitas, pan, empanadas e doces, todos eles co selo da Ribeira Sacra.

 

O Mercado da Ribeira Sacra permanecerá aberto o sábado día 8 dende as 10:00 ata as 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 h., mentres que o domingo día 9 estará aberto soamente pola mañá, de 10:00 a 14:00 h.

 

A concelleira de Promoción Económica presentou este mercado, xunto cos outros dous que se celebrarán no mes de febreiro e os dos meses de marzo e abril. Mª Xosé Vega falou da Praza de Abastos como un lugar de dinamización económica e comercial, dando a coñecer os obxectivos que se marcan os Mercados de Monforte para o ano 2014.

 

Vega Buján dixo que o primeiro obxectivo é celebrar mercados tódalas fins de semana, “baseándose nas experiencias positivas de anos anteriores e coa intención de que a Praza de Abastos sexa un mercado de referencia”. O segundo será promover o comercio local e os produtos da Ribeira Sacra, “motivo polo que tódolos meses do ano haberá un mercado dedicado ó comercio local e outro á Ribeira Sacra, ademais dos mercados temáticos sobre produtos variados e atractivos”.

 

Outro dos obxectivos no ano en curso, segundo comentou a concelleira, é introducir nos mercados o mundo creativo, “un mundo moi amplo que pode abarcar dende a artesanía ata a fotografía e o audiovisual”. O derradeiro obxectivo, dixo Mª Xosé Vega, é que tódolos meses “os mercados conecten cunha actividade significativa que se desenvolva na cidade, como pode ser a Feira Medieval ou a Carreira Popular”.

 

Finalmente, a concelleira explicou que hai uns 60 comerciantes ou produtores de Monforte e da Ribeira Sacra que teñen gran fidelidade ós mercados e que asisten ós mesmos con certa frecuencia.

 

No mes de febreiro, ademais do mercado desta fin de semana, celebrarase os días 15 e 16 un Mercado da Oportunidade, organizado polo Concello en colaboración co comercio local, mentres que a fin de semana do 22 e 23 será o CCU o que organice un Mercado de Voda e Comuñón.

 

En marzo haberá catro mercados, o de Muller Creativa, o da Ribeira Sacra, Chocolate Paixón, e Mercado Deportivo, o primeiro e o último coincidindo, respectivamente, coa celebración do Día Internacional da Muller e da Carreira Popular de Monforte.

 

En Abril desenvolveranse, por este orde, os mercados Ribeira Sacra, Party Line, Feira Medieval e Calzado Tradición.