A Praza de Abastos de Monforte acollerá esta fin de semana, días 29 e 30 de marzo, un Mercado no que 17 mulleres monfortinas darán a coñecer o seu talento creativo.
En Monforte existe un número importante de creadoras, moitas delas novas, e a organización dos mercados considera que é importante que o público as coñeza.
Este Mercado estaba programado para o pasado día 8 de marzo, Día Internacional da Muller, pero o cambio nos actos do Entroido obrigou a retrasalo ata esta fin de semana. Lonxe de ser un inconveniente, o retraso espertou o interese doutras moitas mulleres, tanto locais como de fóra. Finalmente, as mulleres foráneas non puideron ser admitidas, xa que o número de mulleres creativas en Monforte é máis que suficiente para cubrir as prazas do Mercado.
O Mercado estará cheo de sorpresas, xa que os traballos que se presentarán cumpren con dúas premisas básicas: calidade e innovación.
A presenza de mulleres novas é destacable, algunha delas cunha carreira curta pero prometedora. O Concello decidiu aceptar a presenza neste mercado de mulleres que aínda non exercen como profesionais nos seus respectivos campos, pero poñendo dúas condicións: que algún comerciante ou hostaleiro local as patrocinase e que asistisen a unha entrevista coa Orientadora Laboral do Concello. Esta segunda condición ten como finalidade estudar posibles formas de axudalas a por en marcha micronegocios nos que dar saída ós seus traballos. Ambas condicións foron aceptadas con agrado polas participantes, recoñecendo que sería un soño poder facer da súa paixón un medio de vida.
Seis comerciantes e hostaleiros monfortinos brindáronse a patrocinar ás novas creadoras que, deste xeito, poderán asistir ó Mercado, darse a coñecer e mesmo avaliar a aceptación das súas creacións.
As persoas que visiten o Mercado, ademais de descubrir novas técnicas decorativas como o decoupageou o scrapbooking, tamén poderán admirar traballos artísticos en pintura, fotografía, escultura ou ilustración gráfica. Descubrir as inmensas posibilidades que ofrece o reciclado de obxectos e mobles, técnicas moi demandadas en tempos de crise, probar e mercar bixutería sorprendente, elixir o seu traxe para a próxima Feira Medieval ou incluso maquillarse e peitearse a prezos moi especiais.
O mercado contará cunha sala dedicada á creación audiovisual, na que se proxectarán vídeos nos que se poderá comprobar que tamén hai mulleres en Monforte que teñen algo que dicir neste sector.
Este é un Mercado que prentende ser divertido, un lugar de encontro e intercambio, tanto para as participantes como para tódalas persoas que o visiten e, sobre todo, un acto de apoio ó talento creativo da muller monfortina
Dada a boa acollida deste Mercado entre o colectivo monfortino de creativos, Mercados de Monforte prepara xa para o seguinte mes de maio unha experiencia abertaa tódolos creativos de Monforte.
O Mercado Muller Creativa permanecerá aberto o sábado día 29 dende as 10:00 ata as 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 h., mentres que o domingo día 30 estará aberto soamente pola mañá, de 10:00 a 14:00 h.