José Luis Cachafeiro recibe o premio “Monforte ao Ferrocarril”

José Luis Cachafeiro recibiu no día de onte o premio “Monforte ao Ferrocarril”, nun acto celebrado na Casa do Concello coa presenza de representantes das administracións autonómica, provincial e local, así como empresarios, concelleiros da Corporación Municipal, ferroviarios, directivos de Renfe e Adif, o parlamentario Vicente Docasar, o deputado provincial Miguel Sotuela, e público en xeral.

 

A Asociación Monfortina de Amigos do Ferrocarril (AMAFER) , en colaboración co Concello de Monforte, a Consellería de Medio Ambiente, a Deputación de Lugo, e os colexios profesionais de Xornalistas e de Enxeñeiros de Camiños e Portos, convocou este premio para recoñecer o labor de persoas ou colectivos a prol do ferrocarril en Galicia.

 

O Comité Avaliador do Premio “Monforte ao Ferrocarril” outorgou este galardón, por unanimidade, a José Luis Cachafeiro Vila “pola súa acertada e decidida intervención ante o Ministerio de Fomento e as institucións europeas, conseguindo a creación dunha correcta Rede de Transporte Ferroviario de Mercadorías para Galicia, integrada na Rede Transeuropea de Transporte por Ferrocarril e, de maneira especial, a inclusión das instalacións ferroviarias de Monforte de Lemos como nodo loxístico na devandita Rede Transeuropea”.

 

O acto estivo presidido polo alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, a quen acompañaron a vicepresidenta da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez,  Mª Jesús Tejada, da Dirección Xeral de Mobilidade, Gerardo Pallares, do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canales e Portos de Galicia, e Fermín Avellaneda, presidente da Asociación Monfortina de Amigos do Ferrocarril.

 

Mª Jesús Tejada, en representación da Consellería de Medio Ambiente, entregou a José Luis Cachafeiro a insignia de prata de AMAFER. Lara Méndez, vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo entregoulle o diploma conmemorativo do premio, e Severino Rodríguez, alcalde de Monforte, entregoulle o premio “Monforte ao Ferrocarril”, consistente nunha reprodución da escultura homenaxe ós ferroviarios, obra do escultor Felipe Hoyos Rueda.

 

José Luis Cachafeiro comezou a súa intervención sinalando que “Monforte non me debe nada, son eu o que lle teño moito que agradecer á Terra de Lemos”, para continuar destacando que o Porto Seco “está en Monforte pola situación da cidade e pola súa infraestrutura ferroviaria”. Cachafeiro dixo que a plataforma loxística monfortina debe ser o motor da comarca e comentou que “resulta imprescindible e urxente contar coa figura dun xestor experimentado no mundo da loxística e do transporte”. Na súa alocución, que foi moi aplaudida polas persoas que asistiron ó acto, Cachafeiro fixo unha análise das infraestruturas de transporte en España, falou da escasa porcentaxe de mercadorias que se moven por ferrocarril, e lembrou pasaxes da obra do escritor Julio Camba para lamentar que, en moitos casos, as decisións políticas non se axusten ás necesidades reais.

 

Lara Méndez e Gerardo Pallares agradeceron o traballo do premiado a prol do ferrocarril, destacaron o contido do seu discurso e manifestaron a plena coincidencia coas súas opinións. O alcalde de Monforte agradeceu o labor de José Luis Cachafeiro para que a cidade fose considerada nodo loxístico dentro da Rede Europea de Transporte, e destacou a súa valía profesional e a súa calidade humana.

 

José Luis Cachafeiro Vila naceu hai 59 anos en Monforte. Ocupou cargos directivos en Renfe e en Adif, especializándose en loxística do transporte de mercadorías. No ano 2009 foi nomeado Secretario General de Transportes no Ministerio de Fomento, cargo que ocupou ata decembro do 2011. Actualmente é Subdirector de Coordinación de Proxectos de Mercancías na Dirección de Servizos Loxísticos de Adif. Cachafeiro continúa mantendo estreitos vínculos con Monforte, cidade da que marchou na súa infancia pero a que sempre volve cando lle resulta posible.

 

Xunto con esta información figuran os documentos sonoros das intervencións de José Luis Cachafeiro e do alcalde de Monforte.