Mª Xosé Vega, tenente de alcalde do concello de Monforte, anunciou que o Goberno Municipal presentou onte venres na Fiscalía de Lugo, toda a documentación da que dispón sobre o pago da defensa dun ex concelleiro con fondos públicos.
Vega Buján entrevistouse co Fiscal Xefe e entregoulle a documentación, “cumprimos co que dixemos, coa nosa advertencia ó PP, xa que os populares reafirmáronse na súa denuncia”, manifestou, engadindo que “non temos nada que ocultar, a nosa actuación foi honesta e sen carga delituosa, como sí sucedeu en Santiago”.
A Fiscalía é quen de facer dilixencias previas, de informarse sobre este expediente e “se aprecia feito delituoso que se nos aplique a lei como a calquera cidadán”, sinalou Mª Xosé Vega, quen tamén dixo “se a Fiscalía no atopa nada, quen deberá dar explicacións son o PP e a súa voceira sobre a denuncia falsa que formularon”.
A tenente de alcalde explicou cal fora a documentación presentada na Fiscalía: a denuncia do ano 2010 presentada polo cidadán Pereira, o arquivo de dilixencias por parte do xulgado de instancia do penal de Monforte, a factura da minuta dos letrados debidamente conformada pola intervención municipal, e a acta da Xunta Local de Goberno onde se concedeu a licenza de obra perfectamente legal. Tamén indicou que se a Fiscalía require máis documentación, facilitaráselle todo o que solicite.
Vega Buján aclarou que “na denuncia do ano 2010 acúsase ó ex concelleiro Pavón e ó alcalde, imputándoselle ós dous varios delitos, entre eles un por prevaricación”, sinalando que “a minuta dos letrados inclúe a defensa xurídica dos dous”. Vega dixo que “o PP está empeñado na denuncia contra a ordenación do territorio, dilixencias que se arquivaron, pero tamén hai unha por prevaricación. Só lles interesa falar dunha parte”. A tenente alcalde dixo “só podemos prevaricar os cargos públicos, non as persoas, e a denuncia di que Pavón e o alcalde prevaricaron facendo uso dos seus cargos públicos”, aclarando que “o xulgado non veu delito contra a a ordenación do territorio e, se no existe ese primeiro delito, tampouco pode habelo por prevaricación”.
Mª Xosé Vega tamén quixo deixar claras as notorias diferenzas co caso do Concello de Santiago, “nada que ver, en Santiago aproban pagar a defensa antes de que existise unha sentenza absolutoria, en Monforte faise despois”. Para Vega, “o PP quere por o ventilador en Monforte para confundir co espectáculo dantesco que ofreceu a toda Galicia dende o Concello de Santiago”.
Ante a posición dos populares de non rectificar e, pola contra, dar un paso adiante anunciando a presentación dunha moción na que solicitan que o ex concelleiro devolva o importe do custo da súa defensa, e advertindo de que en caso contrario irá á Fiscalía, a tenente de alcalde dixo “ xa fomos nós nun acto de boa fe, pero que vaian tamén eles por qué iso foi o que deberon facer dende un principio”.
Vega Buján anunciou que o Goberno Municipal presentará unha moción solicitando que “a Sra. Rodríguez nos devolva a honra e a dignidade ás persoas que gobernamos en Monforte. A honra non hai cartos que a paguen e o que ten qué devolver é bastante máis que o que custou a factura dos avogados”.
Mª Xosé Vega dixo que se tanto lle preocupan os fondos públicos á Sra. Rodríguez “empece por devolver os 70.000 € que cobrou no senado durante un ano no que só presentou tres preguntas e ningunha delas tiña que ver con Monforte nin coa provincia de Lugo”, engadindo “cada pregunta custou 23.000 € de fondos públicos”.
A tenente de alcalde tamén se referiu ó custo dos letrados, “cada un cobra segundo a súa valía”, recordándolle á voceira popular que “o Concello de Santiago ten letrados propios, pero contratou a un famoso despacho penalista de Madrid, non de Santiago nin de Galicia, que só de provisión de fondos, de anticipo pola defensa dos concelleiros, cobrou 35.000 euros”.