A Corporación aproba a rebaixa no tipo de xuro do crédito do Plan de Pago a Provedores

A Corporación Municipal celebrou sesión extraordinaria para aprobar a modificación das condicións financeiras do préstamo concertado no ano 2012 para facer fronte ó Plan de Pago a Provedores.

 

O concello de Monforte acolleuse no ano 2012 ó Plan de Pago a Provedores posto en marcha polo Goberno do Estado. Para levar a cabo o Plan, o Goberno Central obrigou ós concelloas a concertar un préstamo coas entidades bancarias que el mesmo designaba.

 

No caso do Concello de Monforte a cantidade solicitada ascendía a 582.228,25 €, con dous anos de carencia e un tipo de xuro do 5.48 %.

 

O Goberno modifica agora as condicións financeiras desas operacións, podendo os concellos pedir un ano máis de carencia ou diminuír o tipo de xuro. O concello de Monforte optou por esta segunda opción, rebaixando o tipo de xuro nun 1,40 %. A partir do próximo trimestre o Concello pagará un xuro do 4,08 %, o que suporá un aforro de 2.000 € trimestrais no pagamento dos intereses deste crédito.

 

Este asunto foi sometido á aprobación da Corporación por vía de urxencia, xa que o prazo para poder solicitalo remata o día 21 deste mes de xuño.

 

A contía do crédito seguirá sendo a mesma ata o mes de agosto deste ano, cando venza o prazo de carencia de dous anos que tiña esta operación e, polo tanto, o Concello comece a amortizar esa débeda.

 

No pleno extraordinario interviú a voceira do PP para destacar os efectos positivos desta proposta e para solicitar que, xa que diminuen os gastos financeiros, se levase a cabo unha revisión das taxas incrementadas a raíz do Plan de Axuste.

 

A voceira do Goberno Municipal tamén valorou positivamente a iniciativa do Goberno do Estado, pero pediulle á voceira do PP que non fixese demagoxia con este asunto. Mª Xosé Vega lembroulle a Julia Rodríguez que “foi vostede quen impediu a suba da gran maioría das taxas municipais no Plan de Axuste”, indicando que as taxas non se subiran o que tiñan que subir e reprochándolle á voceira popular “por falar só do 10 % e esquecerse do 90 % restante”, en referencia ós acordos para sacar adiante o Plan de Axuste.

 

PP e PSOE abstivéronse na votación, e a rebaixa do tipo de xuro aprobouse cos votos do Goberno Municipal.

 

En documento adxunto poden escoitar a gravación deste breve pleno.