O Goberno presentou un orzamento próximo ós 12 millóns de euros

O alcalde, Severino Rodríguez, e a concelleira de Facenda, Mª Xosé Vega, presentaron os orzamentos do Concello para o ano 2014, presupostos que ascenden a 11.804.764 euros, o que supón un incremento do 8,20 % con respecto ós presentados no ano 2013 (10.837.289 €).

 

Esta proposta de orzamentos foi entregada hai uns días ós grupos da oposición e será debatida pola Corporación Municipal o luns día 7 de xullo.

 

Severino Rodríguez comentou que se trataba dun orzamento elaborado nunha situación de “crise aguda” na que o Concello “foi capaz de conxelar as taxas municipais no 2013 e no 2014, agás a inevitable suba do IBI por mandato do Estado”.

 

O rexedor destacou que o Concello cumpre con solvencia nos pagos a provedores “fanse nunha media de 30 días”, reducindo tamén o importe dos intereses e incrementando a amortización da débeda.

 

O alcalde salientou que, a pesares da crise, “mantemos o emprego e a calidade dos servizos públicos que prestamos”. Dixo que o capítulo de inversións supera os 900.000 € e, neste capítulo, fixo fincapé na obra das marxes do río dende a Compañía ata Piñeira “unha obra estratéxica que cambiará a fisonomía da cidade e que xera unha importante actividade económica”, destacou.

 

Severino Rodríguez tamén comentou que a proposta de orzamento reserva unha partida de 50.000 € para o obradoiro de emprego, “aínda que segundo publican os medios de comunicación non poderemos desfrutalo por quinto ano consecutivo”, manifestou en alusión a que o Concello non tiña recibido comunicación oficial da Xunta de Galicia a este respecto, para engadir “as malas noticias da Xunta sempre nos chegan a través da prensa”.

 

A concelleira de Facenda dixo que a cifra do orzamento incrementábase en preto do millón de euros para, acto seguido, recoñecer que “canto máis tarde se presenten os orzamentos estes serán máis elevados, por qué xa reflicten subvencións da Deputación de Lugo que non poderían aparecer a comezos de ano”. Mª Xosé Vega tamén falou dunha operación de crédito de 300.000 € que contribúe a incrementar a cantidade total das contas municipais.

 

A responsable da facenda municipal dixo que xa hai anos que se acabaron os sobresaltos económicos no Concello, “non hai facturas sen respaldo orzamentario no caixón, nin se tarda máis dun ano en pagar as facturas”, sinalou. Afirmou que estamos nunha situación sen sobresaltos e cunha economía saneada, “gastamos o que temos e facémolo con criterio”, manifestou a concelleira para logo engadir “moitos concellos quixeran ter a nosa solvencia económica, sen despedir a ninguén, sen pechar servizos e sen recortar”.

 

En canto a outros aspectos do orzamento e da xestión da economía municipal, Mª Xosé Vega dixo que se rebaixaban en 98.000 € as cotas de xuros nos créditos, que se producía un lixeiro incremento de 28.000 € nas subvencions a entidades e asociacións, que se aumentaba a amortización das débedas en 40.000 € máis que o ano pasado, e que se incrementaban as inversións.

 

A concelleira de facenda referiuse á recadación comentando que se recadaba máis “por qué hai máis padrón de vehículos e máis altas de vivendas, non por cobrar máis impostos”. Sobre a recadación do ICIO dixo que se mantiña estable, nuns 70.000 €, estabilidade que se estende ás tranferencias do Estado e da Xunta de Galicia. 

 

Vega Buján apuntou que o Concello cumpre estrictamente a chamada “regra de gasto” que identifica a solvencia económica das entidades municipais, motivo polo que o Estado lle permite contar cuns orzamentos de 9.356.000 €. A concelleira sinalou que “chegamos ós once millóns por qué contamos con subvencións finalistas da Xunta de Galicia que nos permiten subir ata esa cifra, caso dos Servizos Sociais, da Unidade Asistencial de Drogodependencias ou da Oficina de Rehabilitación”.

 

Finalmente, a responsable da Facenda municipal deixou varios apuntamentos sobre a xestión económica do Concello, “cumprimos coa estabilidade orzamentaria, temos un aforro neto positivo, temos capacidade para asumir un maior endebedamento, estamos dentro dos límites da débeda. En definitiva, estamos nun escenario de estabilidade, polo que agardamos que a Corporación nos permita aprobar os presupostos”, manifestou.

 

Para rematar a cmparecencia, o acalde matizou cales son os gastos mís destacados do capítulo de inversions, comentando que se destinan 328.000 € á nova ETAP, e 106.000 € para a obra das marxes do Cabe. Severino Rodríguez tamén mencionou inversións na eliminación de barreiras arquitectónicas, nas obras do POS, no mantemento de estradas e en actuacións destinadas ó aforro enerxético. 

Archivos Adjuntos: