O alcalde e os voceiros dos grupos políticos que conforman a Corporación Municipal de Monforte reuníronse en Ourense co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín.
O obxecto desta xuntanza era abordar a posible colaboración da Confederación no financiamento das obras de mellora da rede de saneamento de Monforte.
O alcalde valora de maneira moi positiva este primeiro encontro e a disposición do presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil a colaborar, conxuntamente con outras administracións, nesta importante actuación. Francisco Marín vinculou a cooperación da Confederación Hidrográfica neste proxecto coa distribución dos fondos europeos no período 2014-2020.
Severino Rodríguez tiña solicitado esta reunión con Francisco Marín para comentar e valorar o estudo elaborado por Augas de Galicia sobre a situación da rede de saneamento de Monforte de Lemos e, ó mesmo tempo, recabar o apoio do organismo de conca para poder acometer as custosas obras de mellora da rede.
O alcalde anuncia que continuará realizando xestións con outras administracións para explicarlles os problemas da rede de saneamento da cidade e pedirlles que se incorporen ó proxecto existente para solucionalos.
Para o rexedor monfortino, a primeira actuación que habería que acometer sería evitar que se produzan filtracións á rede e, deste xeito, lograr reducir o caudal que actualmente chega ata a depuradora.
A primeira das reunións para abordar esta cuestión estaba previsto celebrala o pasado día 2 de xuño na casa do Concello de Monforte. A data da reunión fora marcada polo ex conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, aínda que finalmente non puido celebrarse por motivos de axenda do propio conselleiro.
O pasado día 3 de xullo, Severino Rodríguez volveu solicitar á actual conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez Mourelle, que retome a reunión prevista polo seu antecesor á maior brevidade posible.