A Deputación de Lugo asinou un convenio de colaboración co Consorcio de Turismo Ribeira Sacra

O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, achegouse esta mañá ata o Concello de Monforte para reunirse co presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto Quiroga.

 

A xuntanza serviu de marco para a sinatura dun convenio de colaboración entre a institución provincial e a entidade turística, por valor de 20.000 euros, que permitirá ó Consorcio continuar coa súa actividade de dinamización e potenciación do turismo nos 13 concellos do sur lucense que conforman a Ribeira Sacra.

 

A aposta por un turismo de calidade vinculado á cultura e ó medio ambiente que desenvolve a área de Turismo e Patrimonio Histórico da Deputación de Lugo, ratifícase coa sinatura deste convenio, unha nova colaboración da institución provincial cun xeodestino no que, en palabras de Outeiro, “o seu elemento aglutinador, os ríos Miño, Sil e Cabe, debuxan unha paisaxe única e unha terra singular de enorme valor medioambiental ademais do seu valioso patrimonio histórico, conxunción que permite ofertar paquetes turísticos inigualables”.

 

Ademais das diferentes inversións levadas a cabo pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo nesta zona, a proba definitiva do interese polo sector turístico da Ribeira Sacra amosado pola institución provincial é a petición da declaración de Patrimonio da Humanidade para este xeodestino. Unha iniciativa de recoñecemento internacional impulsada pola Deputación lucense en colaboración coa Deputación de Ourense e xa respaldada polo Senado e o Valedor do Pobo, así como por milleiros de sinaturas de cidadáns anónimos.

 

Neste sentido, Mario Outeiro destacou que “dende que comezamos con ese proceso non parou de sumar apoios, ós que nós nos sumamos co patrocinio do Breogán coa marca Ribeira Sacra. Son moitas as voces que piden a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, un recoñecemento que suporía unha boa oportunidade para mellorar a conservación do noso patrimonio, como os monumentos que forman parte da Ruta do Románico”.

 

O deputado nacionalista tamén puxo en valor “o labor que desenvolve ó longo de todo o ano o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, que traballa arreo pola mellora dos recursos turísticos do Sur da provincia de Lugo, un obxectivo compartido coa área de Turismo da Deputación de Lugo”. Outeiro dixo que a Ribeira Sacra recibe máis do 50 % do diñeiro do que dispón a Deputación para o turismo “por qué é un xeodestino organizado e con unión entre os diferentes concellos”.

 

Juan Carlos Armesto agradeceu a presenza do alcalde de Monforte e tamén a constante colaboración de Mario Outeiro e da Deputación de Lugo. Destacou que, dende  o ano 2009, a Deputación asina este tipo de convenio “que nos permite funcionar, xa que non é unha subvención finalista e posibilita utilizar o diñeiro no pagamento das nóminas ou noutros gastos cotiáns de funcionamento do Consorcio”. Armesto quixo deixar constancia do talante de Mario Outeiro “quen se dirixiu a nós para preguntarnos onde queríamos firmar”.

 

O alcalde de Monforte agradeceu que elixisen a capital da Ribeira Sacra para asinar este convenio e destacou o que para el son os tres piares nos que se asenta o bo funcionamento do Consorcio “colaboración, cooperación, e implicación e participación do sector privado”. Para Severino Rodríguez, esta liña de traballo permite “recoller froitos”. O alcalde rematou comentando que “grazas á colaboración e a como se están facendo as cousas, temos un xeodestino consolidado e atractivo”, engadindo que “se continuamos traballando conxuntamente poderemos lograr o obxectivo final, que non é outro que a declaración de Patrimonio da Humanidade”.