Manola Porto, alma monfortina para un brillante pregón

A xornalista Manola Porto, nada en O Bolo (Ourense) pero afincada en Monforte desde hai 23 anos, foi a encargada de ler o pregón das festas patronais de Monforte.

 

As persoas que ateigaban a praza do Concello recibiron e despediron a Manola Porto cunha forte e sentida ovación, recoñecendo o seu rigoroso traballo periodístico en radio Principal e TV7 durante 22 anos e tamén, o que é máis importante, a valía dunha persoa boa e xenerosa, humilde e sempre disposta a colaborar con tódolos colectivos de Monforte e comarca.

 

Manola Porto repasou no pregón a súa estancia en Monforte, a súa relación coa cidade e coa veciñanaza. Lembrou e recoñeceu o difícil traballo dos xornalistas locais e referiuse ó tempo que lle tocou vivir en Monforte como unha época “máis de perda que de prosperidade”, en alusión ó desmantelamento ferroviario ou a diminución das fábricas de calzado. A xornalista, que dixo sentirse monfortina de adopción, tamén fixo un chamamento ó optimismo de cara ó futuro, destacando as potencialidades de Monforte e a Ribeira Sacra, a capacidade das súas xentes e a magnífica formación da súa mocidade.

 

A vinculación da súa familia con Monforte foi outro dos aspectos que tratou no seu pregón, referíndose a un tío seu que foi Escolapio e que pasou máis de vinte anos no colexio de Nosa Sra. da Antiga exercendo como profesor.

 

Manola Porto agradeceu “a honra inmerecida de ser pregoeira” e o trato e a boa acollida que durante todos estes anos lle dispensaron as xentes da cidade e da comarca. Agradeceu tamén a oportunidade que hai un ano lle brindaron para continuar traballando en Monforte, exercendo labores relacionadas coa comunicación no Centro do Viño, espazo significativo para os dous sectores máis puxantes da comarca, o turismo e o viño da D.O Ribeira Sacra.

 

En documento adxunto poden ler o pregón de Manola Porto Arias.