A XVII Feira do Libro encherá de actividade a rúa do Cardeal

A concelleira de Cultura, Pilar López, a coordinadora da Federación de Libreiros, Nani Regueira, e a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, presentaron a XVII Feira do Libro de Monforte de Lemos que se desenvolverá do 20 ó 23 de agosto na zona peonil da rúa do Cardeal.

 

Durante a Feira haberá un 10% de desconto no prezo dos libros, sendo os horarios das casetas dos libreiros de 11:00 a 14.00 h. polas mañás e de 18:00 a 22:00 h. polas tardes. A Feira abrirá o día 20 ás seis da tarde, e ás sete terá lugar a inauguración oficial a cargo das autoridades e o pregón da escritora monfortina Margarita Rodríguez Otero.

 

Pilar López cualificou a Feira do Libro como “unha das actividades centrais da programación cultural do verán”, destacando o labor de fomento da cultura que se realiza dende a súa delegación ó longo de todo o ano e que culmina con esta celebración. A concelleira destacou o feito de que os libros saian á rúa e se acheguen á cidadanía, así como as actividades complementarias para tódolos públicos que a Feira ofrece.

 

Nani Regueira dixo que a Feira sería imposible sen a colaboración da Xunta e do Concello e destacou que conta con actividades para tódalas idades. Salientou a celebración dun obradoiro de alimentación para os máis cativos, así como as múltiples presentacións de libros e a presenza de personaxes da escena cultural galega. A coordinadora da Federación de Libreiros comentou que haberá sorteo de libros entre as persoas que merquen algún exemplar e tamén dun bono para dúas persoas nun balneario. Nani Regueira dixo que a feira contará con nove casetas, dúas institucionais, dúas de editoriais e cinco de libreiros.

 

Raquel Arias comentou que eventos coma este “poñen en valor ós escritores/as e ás editoriais galegas”. A delegada da Xunta mostrouse “orgullosa das cinco feiras que se celebran na provincia de Lugo e que supoñen case a metade das que se celebran en Galicia”. Raquel Arias fixo un chamamento á participación e dixo que máis do 40 % dos libros que se editan en Galicia están escritos en galego.

 

A Feira está organizada pola Federación de Libreiros de Galicia e o Concello de Monforte de Lemos e conta coa colaboración da Deputación de Lugo –Vicepresidencia Primeira, e a Xunta de Galicia.

 

En documento adxunto figura o programa completo de actividades da XVII Feira do Libro, así como as intervencións na rolda de prensa na mesma orde en que se produciron. 

Archivos Adjuntos: