Os servizos económicos e xurídicos municipais non dan o visto bo á proposta do PP para pagar as subvencións

O alcalde compareceu en rolda de prensa para informar sobre a non validez da proposta do Partido Popular para poder pagar as subvencións e as axudas a diferentes entidades e persoas, e para lamentar a ausencia de propostas do Partido Socialista.

 

Severino Rodríguez comentou que, despois de que os grupos da oposición rexeitasen os orzamentos para 2014 nos plenos celebrados os pasados días 7 e 18 de xullo, e despois de que a voceira do Goberno Municipal dixese no pleno ordinario celebrado o día 28 do mesmo mes que “calquera proposta sería aceptada coa única condición de que fora avalada polos servizos xurídicos do Concello”, o PP e o PSOE tiveron tempo máis que suficiente para presentar as súas propostas.

 

O alcalde sinalou que, no caso de que existise remanente de tesourería, o Concello estaría obrigado a pagar en primeiro lugar “328.000 euros da ETAP e 100.000 euros da obra do paseo do río”. Segundo comentou, só unha vez realizados estes pagos “o que quede dese remanente podería destinarse a pagar todo tipo de axudas e subvencións”. O alcalde afirmou “así o establece a lei do ministro Montoro”.

 

O rexedor indicou que o pasado día 8 de agosto dirixira unha carta ás asociacións reiterando a disposición do Goberno Municipal a aceptar as propostas dos grupos da oposición sempre que contasen co visto bo dos servizos xurídicos, e advertindo que, no caso de que no pleno do 4 de setembro non se presentase ningunha proposta “demostrarase que a súa única intención é entorpecer o labor do Goberno”.

 

Severino Rodríguez dixo que a oposición non ten que facer os orzamentos, por qué xa os fixo o Goberno, pero pode presentar modificacións ós mesmos. A oposición di que o Goberno non modifica as contas do 2014 por qué non hai vontade política “pero eu pregúntome ¿pódense dar máis facilidades á oposición para solucionar o problema das axudas e das subvencións?, manifestou o alcalde.

 

O rexedor foi taxante coa postura do PP e do PSOE e comentou “válelles todo menos ter xenerosidade para solucionar os problemas da xente. Só lles importa facer dano ó Goberno”.

 

Antes de analizar a proposta presentada polos populares, o alcalde insistíu en que “os orzamentos que propón o Goberno teñen que ter o aval dos servizos xurídicos, que son os que dan e quitan validez ós acordos políticos”.

 

Severino Rodríguez agradeceu o esforzo do Partido Popular na elaboración da proposta que presentaron para o pleno do día 4 de setembro para, acto seguido, afirmar “pero non vale por qué non ten o aval de intervención”. O alcalde deu lectura ás conclusións do informe do servizo de intervención no que se explica “podería dispoñerse de créditos por un importe estimado de 206.000 euros (aforro de persoal e finalización de servizos externos) que resultarían insuficientes para asumir os compromisos anteriores”.

 

Segundo dixo o alcalde, o diñeiro que vai sobrar no apartado de persoal coñecerase en novembro e serían 200.000 €, pero para solucionar o problema do pago de subvencións e axudas farían falta 562.500 €. O rexedor indicou que "se tivésemos os orzamentos aprobados poderíamos dispor deses 200.000 € para outros gastos”.

 

En canto ó PSOE, o rexedor dixo que “non fixo absolutamente nada, a pesares de que en reiteradas ocasións anunciou que ía presentar propostas”. O único que din, proseguíu o alcalde, é que pidamos informes á Deputación, para engadir “¿non saben qué o que que prevalece son os informes dos servizos xurídicos municipais?. Severino Rodríguez manifestou que estes servizos non teñen ningún tipo de dúbida e, polo tanto, “dá igual o que diga a Deputación”.

 

O alcalde rematou a súa comparecencia manifestando “aconsello ó PP e ó PSOE que asuman que non hai solución para pagar axudas e subvencións cun orzamento prorrogado, e senón que convenzan a Montoro para que cambie a lei”.