Monforte acolle un foro sobre xestión de residuos municipais para a redución da pegada de carbono

O vindeiro 25 de setembro desenvolverase en Monforte un foro sobre xestión de residuos urbanos onde se analizarán algunhas das solucións que nesta materia están en marcha en diferentes puntos da xeografía española como fórmula para reducir a pegada de carbono. O Foro celebrarase no Parador de Turismo de Monforte.

 

O obxectivo do devandito Foro é analizar a situación da xestión dos residuos municipais buscando solucións que posibiliten un abaratamento dos custos que teñen os concellos en Galicia. En primeiro lugar centrarase nunha análise da situación da xestión en Galicia, exposición que realizará o presidente de SOGAMA.

 

A continuación analizarase a maneira de diminuír a cantidade da denominada “fracción resto”, que agora vai a Sogama, mediante o aproveitamento previo dos residuos contidos na citada fracción a través de tratamentos xa experimentados.

 

Con esta finalidade presentaranse os modelos de xestión desenvolvidos en Cataluña, a través de la experiencia do Consorcio del Bagés, formado por 34 municipios, e da experiencia da xestión en Euskadi, a  travésdo Servizo Mancomunado de Recollida de Residuos Urbanos da Cuadrilla de Ayala, que atende a unha poboación duns 35.000 habitantes.

 

Ademais, o Foro acollerá a presentación dos modelos de xestión da “fracción resto” que se seguen no municipio de Rivas Vaciamadrid e o que recentemente se puxo en marcha en Galicia e que xestiona “a fracción resto” de Touro (Compostela).

 

Por último, e como sistemas para depositar menos residuos na “fracción resto” analizarase a recollida selectiva de roupa e dos aparatos eléctricos e electrónicos.

 

Trátase pois de buscar alternativas que alivien a carga financeira que supón a xestión dos residuos para a cidadanía.

 

O Foro está organizado pola Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico, o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular e o Concello de Monforte de Lemos, no marco do Programa Europeo Climatlántic.

 

As persoas que desexen participar deberán confirmar a súa asistencia enviando un correo electrónico a: adm.pec@eixoatlantico.com. A data límite para o envío das inscricións será o día 18 de setembro.

 

Xúntase o programa da xornada.

  

Archivos Adjuntos: