O Goberno Municipal duplicará as cantidades para axudas e subvencións nos orzamentos do 2015

O alcalde de Monforte compareceu en rolda de prensa para anunciar que o Goberno Municipal xa elaborou os orzamentos do ano 2015, e que nos mesmos contémplanse os compromisoss para a potabilizadora e a obra do paseo do río e duplícanse as cantidades destinadas a clubs, asociacións, becas, festas das parroquias, bus universitario e CCU.

 

Severino Rodríguez dixo que “unha vez que, despois de dous intentos, resultou imposible aprobar os orzamentos do 2014, o Goberno Municipal puxo todo o seu empeño en elaborar os orzamentos do 2015”. O alcalde sinalou que “ter que traballar este ano cuns orzamentos prorrogados implicou non poder cumprir cos compromisos adquiridos polo Concello, tanto no que respecta a obras destacadas como no que se refire a subvencións e axudas sociais de variada índole”.

 

O rexedor indicou que a intención do Goberno é que os orzamentos do ano 2015 entren en vigor o día 2 de xaneiro. Tamén comentou que “despois de que os orzamentos fosen rexeitados en pleno por primeira vez, reuninme coas asociación e clubs deportivos para explicarlles a imposibilidade de facer fronte ás subvencións neste ano 2014 e, xa naquel momento e respondendo ás preguntas dos interesados, manifestei que sería complicado dobrar as subvencións no 2015 (cubrindo tamén así as non pagadas no ano 2014), pero que por inténtalo non quedaría”.

 

Segundo explicou o alcalde, un dos obxectivos da elaboración dos orzamentos do 2015 foi o de poder asumir o pagamento das subvencións e axudas que non se puideron facer efectivas no 2014, “non foi doado, pero hoxe estou en disposición de dicir que o conseguimos”, sinalou. 

 

O ano próximo duplicaranse as cantidades destinadas a subvencións a clubs, asociacións, becas para libros, transporte universitario, CCU, e festas de barrios e parroquias, “desta maneira compensaremos os trastornos económicos que a non aprobación do orzamento 2014 lles causou a estas entidades e veciños/as”, manifestou o alcalde.

 

Severino Rodríguez indicou que para que poidan pagarse estas axudas “as persoas e entidades que aspiran a beneficiarse delas deberán gardar as facturas e billetes coa finalidade de xustificar o gasto e poder recibir as cantidades ás que teñan dereito, especialmente no caso de libros e de transporte universitario”.

 

O orzamento do ano 2015 destinará 222.000 euros ó pago destas axudas e subvencións, cantidade que se desglosa da seguinte maneira:

Becas para libros: 24.000 €

Axudas transporte universitario: 18.000 €

Festas das parroquias: 23.000 €

Asociacións culturais: 19.000 €

Asociacións deportivas: 112.000 €

Centro Comercial Urbano: 20.000 €

Museo das Clarisas: 6.000 €

 

No orzamento do 2015 tamén se recolle o pago das cantidades comprometidas polo Concello para a potabilizadora no ano 2014, e para a obra do paseo do río nas anualidades 2014 e 2015, cifra que ascende conxuntamente a 469.784 €.

 

O alcalde manifestou que o feito de gastar menos durante o ano 2014 ó ter o orzamento prorrogado, e debido ó chamado “teito de gasto”, implicará gastar menos no ano 2015.

 

Dixo que en novembro ou decembro someteranse á decisión do pleno os orzamentos e que, no caso de non ser aprobados, “ó día seguinte aprobaríamolos en Xunta de Goberno”. Tamén comentou que o obxectivo destes orzamentos é “garantir os postos de traballo e a calidade dos servizos públicos, así como facer fronte ós compromisos adquiridos e ás axudas e subvencións”.

 

Finalmente, Severino Rodríguez sinalou que os orzamentos do 2015 son sensiblemene inferiores ós do 2014 debido a que non se poden incluír axudas doutras administracións por qué se descoñecen, “pero estou seguro de que cando cheguen esas axudas as cifras serán similares”.

 

O alcalde dixo que os orzamentos non recollían ningunha subida de taxas e impostos e que “nos preuspostos dun ano para outro pasan as débedas pero non os cartos que puidera haber para pagalas”. 

Archivos Adjuntos: