Trescentos mil euros do remanente de tesourería destinaranse á realización de obras

Unha vez pechada e aprobada en pleno a conta xeral do ano 2013, o concello de Monforte dispón dun remanente de tesourería que ascende á cantidade de 670.000 euros.

 

O alcalde, Severino Rodríguez, compareceu en rolda de prensa para explicar que ese diñeiro destinarase a amortizar débeda, a inversión en obras, e a pagar unha multa da Confederación Hidrográfica.

 

O rexedor subliñou que o Concello cumpríu coas esixencias da normativa vixente, atopándose por baixo do nivel de endebedamento permitido. Rodríguez dixo que a principios do ano 2014 entrou en vigor unha normativa que só permite gastar o diñeiro procedente dos remanentes de tesourería en “inversións financeiramente sustentables”. Segundo explicou o alcalde, este concepto refírese a “inversións que lle permitan ó Concello un aforro e que teñan unha duración mínima de cinco anos”, non podendo destinarse este diñeiro á obra do paseo do río nin á potabilizadora, tampouco á posta en funcionamento de novos servizos ou á construción de novos edificios, nin a ampliar servizos sociais e culturais, entre outros.

 

A distribución deste remanente de tesourería do ano 2013 farase da seguinte maneira:

 

-Amortización anticipada de débeda: 300.000 euros

-Obras: 306.000 euros

-Pago de multa da Confederación Hidrográfica: 64.000 euros

 

Severino Rodríguez manifestou que “queda claro que o PP minte cando di que temos 1.200.000 € de remanente, e tamén queda claro que non gardamos ningún diñeiro para a campaña electoral das municipais. O noso obxectivo é dar os mellores Servizos e facelo o  máis rápido posible”.

 

O alcalde comentou que convocou un pleno extraordinario para o luns día 13 de outubro coa finalidade de aprobar estas actuacións. Os 306.000 euros que se destinarán a obras investiranse da seguinte maneira:

 

- Pasos de peóns elevados: 29.950 €

- Reparacións no teito da gardería municipal: 11.996 €

- Melloras no pavillón do colexio Torre de Lemos: 10.120 €

- Reparación abastecemento de auga no Eivedo (Tor): 5.942 €

- Intervención no “trust” do escenario do Edificio Multisos: 6.709 €

- Mellora iluminación parque dos Condes e paseo ata a ponte nova: 59.963 €

- Reforma campo da feira: 89.070 €

- Reparacións no teito da piscina e do pavillón municipal: 18.537 €

- Mellora camiños e contorna local social de Valverde: 11.622 €

- Mellora de pistas nas parroquias: 45.388 €

 

Severino Rodríguez indicou que estas cantidades suman un total de 289.297 €, cifra á que hai que sumar as da redacción dos proxectos, dos plans de seguridade e da dirección das obras, ata chegar ós 306.000 €. As obras deberán rematar antes do 31 de decembro, motivo polo que se convoca un pleno extraordinario para axilizar a súa aprobación.

 

Respondendo a preguntas dos xornalistas, o alcalde fixo algunas matizacións respecto destas obras. Indicou que os pasos de peóns elevados faranse nas rúas Duquesa de Alba, Calvo Sotelo (3), Ourense (3), Chantada (3), e Valle Inclán. En canto ás reformas no pavillón do colexio Torre de Lemos, o rexedor manifestou que a finalidade é que ese espazo poida ser utilizado para levar a cabo actividades dirixidas á xente maior que reside no casco histórico. No que respecta ó campo da feira, as actuacións que se levarán a cabo son “as máis urxentes das recollidas no proxecto integral de mellora deste espazo”, segundo comentou Severino Rodríguez, afectando ós estacionamentos, á nave dos pulpeiros, ós viais e á distribución de postos.  

  

Archivos Adjuntos: