A concellería de Medio Ambiente do concello de Monforte segue participando no proxecto de compostaxe doméstico impulsado por Sogama coa pretensión de obter importantes beneficios ambientais e económicos.
O Concello volverá distribuír gratuitamente 35 compostadores domésticos destinados exclusivamente a persoas residentes na zona urbana. Monforte sumouse a este proxecto en decembro do ano 2013, sendo ésta a terceira vez que se leva a cabo o reparto. Nas dúas anteriores ocasións distribuíronse un total de 84 compostadores.
O programa de compostaxe doméstica ten como obxectivo a redución e prevención da xeración de residuos, xa que a fracción orgánica (restos de comida) que se orixina nas nosas vivendas supón case a metade do contido da nosa bolsa de lixo. Producindo compost reducimos o lixo que se transporta e deposita nos vertedoiros.
O Concello abrirá un prazo coa finalidade de confeccionar unha listaxe de persoas que desexen acceder ó programa de compostaxe dos residuos orgánicos e adquirir de maneira gratuíta un compostador doméstico.
Deste xeito, aquelas persoas interesadas en compostar a materia orgánica procedente dos seus xardíns ou dos restos de comida, deberán anotarse na oficina de Rexistro do Concello a partir do luns día 10 e ata o martes día 25 de novembro (ambos incluídos).
Os modelos de solicitude pódense recoller na propia oficina municipal de Rexistro, descargalos en documento adxunto a esta información ou ben no apartado de áreas municipais (Medio Ambiente) da web www.monfortedelemos.es
As persoas que accedan ó programa de compostaxe deberán asistir a unha charla na que se lles explicará que tipo de restos e materiais se poden depositar nos compostadores, dándolles unhas pautas básicas sobre o proceso a seguir para compostar correctamente.
Os/as participantes neste programa tamén disporán dun servizo de asesoría permanente para resolver as posibles dúbidas que xurdan.
Dende a concellería de Medio Ambiente anímase á cidadanía a reducir, reutilizar e reciclar os residuos e a participar neste programa de compostaxe doméstica.
Para máis información poden chamar ó teléfono 628 115 309.