O equipo de goberno presenta un proxecto de orzamentos sociais e pensados para as persoas

O Alcalde, Severino Rodríguez e a concelleira de Facenda e primeira tenente de alcalde, Mª Xosé Vega Buján, presentaron aos voceiros da oposición o borrador de orzamentos previstos para o ano 2015.

O equipo de goberno traballou para presentar un proxecto equilibrado, realista, austero e social, que se fixo tendo en conta a situación de crise actual e pensando nos veciños e veciñas de Monforte.

  • Os orzamentos superan os 11 millóns de euros
     
  • Case o 24% está destinado a gasto social superando os 2 millóns e medio de euros
     
  • O servizo de axuda a domicilio aumenta en 100.000 euros incrementando as horas totais de atención aos usuarios
     
  • Lógrase unha redución da débeda de máis de 60.000 euros
     

Para o ano 2015 o equipo de Severino Rodríguez quere contar cuns orzamentos de 11.532.830,50 euros, o que supón un incremento do 9,90 % con respecto ó orzamento prorrogado para 2014, e un 6,41% con respecto ao inicial de 2013, e un investimento medio por habitante de 591,42€ e no que se refire a inversións 39,33€ por habitante.

 

Gasto en persoas

A maior partida recollida neste borrador, o 24% do total, é a dedicada a gasto social. Destinando preto de 3 millóns de euros (2.727.299,57 euros) ao desenvolvemento de políticas para ás persoas. Os servizos sociais reciben un total de 1.333.000 euros. Desa cantidade, o servizo de axuda no fogar recibe 846.000 euros e aumenta en 100.000 euros con respecto ao ano anterior, e en case 1.000 horas de asistencia aos usuarios, pasando a prestar 60.600 horas de servizo . Na actualidade o servizo atende a 184 usuarios de diferentes zonas da cidade.

Para os servizos asistenciais, destinados á loita contra a drogodependencia, o orzamento prevé 274.500 euros, para a xestión do emprego 26.845 euros, para o ensino 684.000 euros e para o deporte, incluíndo as instalacións, 409,454,57 euros.

Non hai que esquecer que o gasto corrente inclúe tamén o pago a Sogama (523.000 euros) e o punto limpo industrial (40.000 euros).

 

Redución da débeda

Outro dato moi positivo é que coa proposta do goberno local baixa a débeda en 67.000 euros, o que supón que se pecha 2014 cunha redución de máis do 50% con respecto á débeda existente no ano 2002.

 

Asociacións

Outro capítulo que se incrementa é o das subvencións a asociacións, que este ano se achega aos 223.000 euros, e permite cumprir así o compromiso asumido polo Goberno local coas asociacións monfortinas, importantes motores da actividade na localidade.

 

Investimentos

Outro capítulo que se incrementa con respecto ó 2013 onde os investimentos acendían a 436.262,13€ é o de investimentos que supera os 700.000 euros (767.005, 59 euros). O goberno local segue a apostar pola mellora dos barrios e da zona rural, pola humanización das súas rúas, por converter a Monforte nunha cidade máis atractiva para vivir. Os capítulos 6 e 7 inclúen proxectos tan importantes como son as obras de adecuación das marxes do río Cabe (224.217, 29 euros) ou a potabilizadora (245.567,02 euros). Tamén se inclúen 100.856,76 euros para obras de mellora nas rúas da zona urbana e rural, e 22.011,15 para a implantación da administración electrónica.

 

Impostos conxelados por terceiro ano

E todo isto é posible sen incrementar nin un céntimo as taxas e impostos que pagan os monfortinos, que por terceiro ano consecutivo se conxelarán, grazas ao esforzo, boa xestión e previsión económica levada a cabo polos responsables técnicos e políticos municipais.

Archivos Adjuntos: