A delegación de Cultura abre o prazo de inscrición para as actividades de Entroido, mantendo así unha importante tradición que conta cunha alta participación nos diferentes actos organizados.
En 2015 a primeira cita co Entroido será o día 5 de febreiro co Xoves de Compadres, o 12 de febreiro celebrarase o Xoves de Comadres, e o día 17 de febreiro terá lugar o concorrido Desfile de Comparsas e Disfraces do Martes de Entroido. Os prazos de inscrición rematarán, respectivamente, os días 4, 11 e 13 de febreiro.
Os xoves de Compadres e Comadres contarán con dous premios especiais, un a etnografía e outro á crítica social. O Concello destinará 2.400 €, como máximo, ós premios destas dúas celebracións.
En canto ó Desfile de Comparsas do Martes de Entroido, contará cunha contía máxima para premios de 9.500 €. O Desfile comezará na praza da Estación ás 17:00 horas, percorrendo as rúas Calvo Sotelo e Roberto Baamonde e rematando na praza da Compañía.
As modalidades para a inscrición no concurso do Desfile de Comparsas e Disfraces, atendendo ó número de participantes, son:
Adultos - Individuais/ de 1 a 3 compoñentes
- Comparsas de 4 a 24 compoñentes
- Comparsas de 25 a 50 compoñentes
- Comparsas de 51 a 90 compoñentes
- Comparsas de máis de 90 compoñentes
Infantil - Individuais/ de 1 a 3 compoñentes
- Comparsas/ 4 compoñentes en diante
Poderán participar neste concurso tódalas comparsas e disfraces do concello de Monforte de Lemos tendo opción ós premios establecidos nas bases.
Así mesmo, as comparsas doutros concellos poderán participar no desfile pero sen opción ós premios establecidos para as comparsas locais. Estas comparsas, se o xurado o estima oportuno, poderán recibir outro tipo de premios ata unha contía máxima de 1.200 euros.
Pódese obter máis información sobre estas actividades na propia Delegación de Cultura (teléfono 982-40-25-01) ou na páxina web do Concello de Monforte de Lemos (www.monfortedelemos.es).
As inscricións para participar no Xoves de Compadres, Xoves de Comadres e Desfile do Martes de Entroido, deben realizarse no Rexistro Xeral do Concello dende o día seguinte á publicación destas bases na páxina web municipal.
Xúntanse as bases dos diferentes concursos e as instancias de inscrición, documentos que tamén poden recollerse no Rexistro Municipal e nas oficinas da Delegación de Cultura.