O Centro Cívico Social do Malecón reabrirá a vindeira semana

O Alcalde e a concellería de Benestar Social anunciaron en rolda de prensa a próxima reapertura do Centro Cívico Social do Malecón, coñecido anteriormente como Centro da Terceira Idade.

 

Severino Rodríguez falou dun centro totalmente renovado e cunha maior funcionalidade, motivo polo que a súa actividade non se centrará exclusivamente nas persoas maiores senón que procurará a relación interxeracional. Ademais, as novas instalacións acollerán as oficinas dos Servizos Sociais Municipais e do Centro de información á Muller (CIM).

 

O alcalde dixo que a remodelación integral do inmoble supuxo un investimento de 726.000 euros. Lembrou as actuacións efectuadas no exterior do edificio, financiadas con 155.000 euros de fondos do Plan E, tales como a renovación de fachadas, carpinterías e cubertas, xunto coa supresión de barreiras arquitectónicas nos accesos do Centro.

 

Rodríguez dixo que as actuacións realizadas no interior do inmoble foron financiadas con 571.000 euros pola Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Monforte, constituíndo unha renovación total das instalacións e unha importante mellora nas condicións de aillamento térmico e acústico do edificio.

O alcalde destacou que o inmoble non reunía as necesarias medidas de seguridade para a realización de certas actividades, xa que era unha infraestrutura moi antiga e que quedara obsoleta a nivel funcional. Severino Rodríguez dixo que os 800 metros cadrados útiles que ofrece o edificio despois da súa remodelación permitirán concentrar no mesmo tódalas actividades que se viñan realizando noutros espazos.

A concelleira de Benestar Social dixo que o martes día 20 de xaneiro comezará a realizarse o traslado das oficinas de Servizos Sociais e do CIM para o Centro Cívico Social. Pilar López agarda que o traslado de mobiliario e documentación, así como a dotación de servizos de telefonía e internet, remate o venres día 23 para, a vindeira semana, poder abrir ó público as instalacións.

 

A concelleira manifestou que a intención é transformar o edificio nun punto de encontro e de referencia para os maiores, ó tempo que se procurará que o Centro Cívico Social sexa un lugar participativo e aberto a persoas de tódalas idades.

Pilar López dixo que a cafetería terá servizo de comedor e abrirá para o público en xeral entre as 7:30 e as 00:30 h. Tamén falou das diferentes dependencias do inmoble, comentando que as catro plantas do mesmo distribuiranse da seguinte maneira:

 

  • Soto: salón diáfano para a realización de actividades como baile, ximnasia, teatro e outras que poda por en marcha a propia cafetería. 
  • Planta baixa: cafetería e salón de actos con 90 butacas, equipo de son, proxector e ordenador. 
  • Planta primeira: oito oficinas individualizadas, sala de reunións, dúas salas de arquivo, sala de espera e sala de informática. 
  • Planta segunda: sala de usos múltiples para a realización de actividades como memoria, inglés ou cursos de alfabetización.

 

A responsable de Benestar Social sinalou que en tódalas plantas hai baños e que o edificio conta cun ascensor para facilitar o acceso a persoas con mobilidade reducida.

 

Pilar López comentou que a intención da súa concellería é que o edificio albergue actividades de todo tipo e para persoas de diferentes idades na procura dunha fluída relación interxeracional. Por este motivo, o Centro Cívico Social non terá socios, como sucedía antes da remodelación do inmoble, xa que a intención é que todo o mundo poda acceder a estas modernas instalacións.

 

Finalmente, a concelleira agarda que a fins de mes a totalidade das dependencias estean abertas ó público, comezando en febreiro o prazo de inscrición nas diferentes actividades que se iniciarán no mes de marzo.