O presidente da Deputación visitou o Centro Cívico Social do Malecón

O presidente da Deputación Provincial de Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro, xunto co alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, visitou hoxe o Centro Cívico Social do Malecón.

 

Os dous mandatarios estiveron acompañados pola concelleira de Benestar Social, Pilar López, polo deputado autonómico, Vicente Docasar, e polos voceiros/as dos grupos políticos municipais.

 

Xuntos percorreron as instalacións dun centro totalmente renovado e modernizado grazas ó financiamento do organismo provincial e á implicación do Concello de Monforte.

 

Xosé Ramón Gómez Besteiro dixo que era un pracer poder ver unha obra pública rematada, unhas instalacións que precisaron dun forte esforzó inversor e que xa estaban ó servizo da cidadanía. Besteiro destacou a modernidade e a accesibilidade do Centro Cívico, e incidiu no compromiso da Deputación de Lugo cos servizos sociais en contraposición ó que fai a Xunta de Galicia.

 

Severino Rodríguez agradeceu a implicación do presidente e do vicepresidente da Deputación para que a total renovación deste edificio fose unha realidade. O alcalde dixo que a achega económica necesaria fora na súa meirande parte do organismo provincial, pero tampouco se esqueceu dos fondos do “Plan E” posto en marcha polo goberno de José Luis Rodríguez Zapatero. Rodríguez dixo que Monforte non ten nada que envidiar a outras cidades no que a infraestruturas sociais se refire, e falou do Centro como lugar de encontro e de celebración de actividades.

 

A actividade deste Centro Cívico Social non se centrará exclusivamente nas persoas maiores senón que se procurará fomentar a relación interxeracional. Ademais, as novas instalacións xa acollen as oficinas dos Servizos Sociais Municipais e do Centro de información á Muller (CIM).

 

A remodelación integral do inmoble supuxo un investimento de 726.000 euros, e os 800 metros cadrados útiles que ofrece o edificio  permitirán concentrar no mesmo tódalas actividades que se viñan realizando noutros espazos.


As catro plantas do inmoble distribúense da seguinte maneira:

 

  • Soto: salón diáfano para a realización de actividades como baile, ximnasia, teatro… 
  • Planta baixa: cafetería e salón de actos con 90 butacas, equipo de son, proxector e ordenador. 
  • Planta primeira: oito oficinas individualizadas, sala de reunións, dúas salas de arquivo, sala de espera e sala de informática. 
  • Planta segunda: sala de usos múltiples para a realización de actividades como memoria, inglés ou cursos de alfabetización.

 

En tódalas plantas hai baños e o edificio conta cun ascensor para facilitar o acceso a persoas con mobilidade reducida.