Centos de persoas visitaron o Centro Cívico Social do Malecón

A cidadanía de Monforte asistiu en gran número á inauguración do Centro Cívico Social do Malecón. Foron moitas as persoas que visitaron as instalacións e que participaron no acto que se desenvolveu ás oito do serán.

 

As obras de reforma efectuadas neste Centro mereceron os parabéns das persoas que alí se achegaron, persoas que comentaban a profunda transformación do edificio e que valoraban de xeito moi positivo as modernas instalacións.

 

O presidente da Deputación Provincial de Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro, e o vicepresidente do organismo provincial, Antón Veiga Outeiro, xunto co alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, e a concelleira de Benestar Social, Pilar López, presidiron o acto inaugural e foron os encargados de dirixirse á cidadanía. Entre cada unha das intervencións e ó remate do acto, Yoan Grudikov, un mozo monfortino de orixe rumana, interpretou varias pezas co seu violín.

 

A primeira intervención foi a do vicepresidente, Antonio Veiga, quen manifestou que era un día importante para Monforte xa que se inauguraba unha infraestrutura ansiada e necesaria. Veiga sinalou que os esforzos das administracións deben ir orientados ós servizos Sociais, e destacou que Lugo é unha provincia envellecida e coas pensións máis baixas do Estado, motivo polo que debe haber unha discriminación positiva que faga fronte a esta situación.

 

En segundo lugar falou a concelleira de Benestar Social, Pilar López, quen agradeceu o esforzo da Deputación para facer realidade o Centro Cívico. Dixo que o Goberno de Monforte sempre traballara ó lado das persoas e sinalou que o novo edificio “é unha ferramenta para a calidade de vida”. Pilar López incidiu en que as modernas instalacións son para tódalas persoas, para a mocidade e para os maiores, rematando a súa intervención cun chamamento á cidadanía “enchede o Centro para que sexa semente de felicidade”, dixo.

 

O presidente da Deputación dixo que era un día de festa, pero lembrou os anos duros á fronte do organismo provincial nos que a rebaixa do orzamento obrigounos a marcar dúas prioridades: o emprego e os servizos sociais. Besteiro cualificou o edificio como “magnífico, moderno e funcional” para o disfrute de varias xeracións e de persoas de diferentes idades. O presidente puxo ás persoas por diante das cuestións políticas e recordou a aqueles que pasan maiores dificultades, rematando a súa intervencón cunha cita de Sta. Teresa “cando toca penitencia, penitencia. Cando toca perdiz, perdiz”, hoxe é un día de perdiz, dixo Gómez Besteiro.

 

A última intervención foi a do alcalde de Monforte, quen principiou e rematou a mesma pedindo perdón polo retraso na execución das obras e na inauguración do Centro. Severino Rodríguez dixo “parecía a obra de nunca acabar, inauguramos o Centro tarde pero non mal e a rastro, porque as obras fixéronse con todo detalle”.

 

O alcalde falou da humanización dun edificio que non era axeitado para as persoas, e lembrou os cartos do criticado “Plan E” que serviron para transformalo. Tamén agradeceu o esforzo da Deputación e cualificou o diñeiro gastado como un investimento acertado “porque vai dedicado ás persoas”.

 

O rexedor falou de catro piares básicos ós que non podemos renunciar: sanidade, educación, pensións e servizos sociais. Rematou a súa intervención agradecendo á cidadanía “a vosa comprensión, paciencia e colaboración”, desexándolles “disfrutade do edificio cantos máis anos mellor”.