A concelleira de Benestar Social, Pilar López, acompañada dun representante da asociación Auxilia, Emilio Nieves, mostrou a súa satisfacción polo comezo inmediato de obras de accesibilidade en 8 rúas da cidade.
Pilar López dixo que con esta actuación facíase realidade o compromiso asumido dende o goberno local para contribuír a mellorar a calidade de vida da cidadanía, eliminando calquera tipo de barreira arquitectónica e calquera obstáculo que dificulte a igualdade entre as persoas.
As obras, por un importe de 30.000 euros, executaranse grazas a un convenio coa Deputación de Lugo e permitirán que rúas moi transitadas melloren a súa accesibilidade e seguridade.
As 15 actuacións recollidas no proxecto comportan, segundo os casos, a modificación dos pasos de peóns, a creación de ramplas e incluso o ensanche de beirarrúas.
As obras levaranse a cabo nas seguintes rúas:
Doutor Casares: realizaranse 3 actuacións, dúas na contorna do fogar San Xosé e outra fronte ó IES Daviña Rey. No cruce de Doutor Casares e o Paseo do Malecón ampliarase a beirarrúa.
Avenida de Galicia: executaranse 3 actuacións na contorna do xulgado e nos cruces coas rúas Malloadas, calexón do xulgado e Conde.
Rúa Hortas: levaranse a cabo 2 actuacións nas interseccións coa travesía á rúa do Comercio e coa rúa Hermida Balado.
Rúa Escultor Francisco Moure: realizaranse 3 actuacións no tramo entre a rúa Sarria e a Rúa Celso Emilio Ferreiro.
Rúa Compañía: executarase unha actuación no cruce con rúa Dalmiro de la Válgoma.
Rúa Carude: levarase a cabo unha actuación na beirarrúa dereita no cruce co Paseo de Lugo, dando continuidade ó itinerario peonil que discorre paralelo ó muro do colexio dos Escolapios.
Rúa Sarria: realizarase unha actuación nunha das beirarrúas para dar continuidade ó tráfico peonil.
Rúa Celso Emilio Ferreiro: executarase unha actuación de reparación dun dos vaos existentes.
Este proxecto, que comezará nos próximos días, contribuirá a mellorar os desprazamentos pola cidade de persoas en cadeira de rodas, pero tamén de pais e nais con nenos pequenos e das persoas con dificultades de mobilidade temporal.
Pilar López xa presentara este proxecto a representantes de diferentes colectivos sociais e asociacións de persoas con diversidade funcional de Monforte, co obxecto de coñecer a súa opinión sobre as obras que se levarán a cabo.
Estas novas actuacións únense ás xa realizadas en anos anteriores en arredor de 30 rúas da cidade.