A Axencia Tributaria de Monforte non contará co servizo de asesoramento ós emigrantes retornados

O grupo de goberno denunciou a discriminación da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) con Monforte, ó respecto do servizo para a devolución das sancións e intereses que tiña cobrado ós emigrantes retornados.

 

As concelleiras Pilar López e Mª Xosé Vega compareceron en rolda de prensa para denunciar a situación. Explicaron que hai dou anos a Axencia Tributaria reclamou ós emigrantes retornados o pago de sancións e intereses por non ter declarado as  prestacións que reciben do estranxeiro nas súas declaracións da renda. Estas sancións tiñan carácter retroactivo ata catro anos atrás.

 

Segundo comentaron, a presión da cidadanía nas rúas e nos medios de comunicación, provocou que o Estado se comprometese a devolver o diñeiro das sancións e dos intereses que moitos emigrantes se viron obrigados a pagar.

 

López e Vega dixeron que, para regularizar esta situación, a Axencia Tributaria comunicou no día de onte que se abría un prazo de reclamación destas cantidades entre o día 2 de marzo e o día 30 de xuño. Co obxecto de facilitar estes trámites, a AEAT estableceu un servizo de axuda e asistencia ós emigrantes que funcionará en horario de mañá e tarde nas catro capitais galegas e nas cidades de Vigo, Santiago, Ferrol e Carballo, así como en horario matinal nas delegacións de Vilagarcia de Arousa e Ribeira.

 

Pilar López e Mª Xosé Vega afirmaron que Monforte, a pesares de contar cunha delegación da AEAT, non disporá deste servizo. As concelleiras cualificaron este feito como un novo esquecemento da zona sur da provincia que obrigará ós emigrantes que residen nela a desprazarse a Lugo para solucionar estes trámites.

 

Segundo dixeron, “sería doado habilitar este servizo en Monforte en horario de mañá e sen custo adicional, pero o que falta é vontade política para facelo”. As concelleiras sinalaron que “para que devolvan os cartos das sancións e dos intereses é preciso solicitalo, xa que Facenda non o vai facer de oficio".

 

O goberno local de Monforte contactará coas asociacións de emigrantes retornados para coñecer o número de persoas afectadas e, ó mesmo tempo, dirixirá unha carta ó delegado provincial da AEAT reclamando que se preste este servizo na oficina de Monforte. Tamén aproveitarán para preguntarlle que vai pasar neste ano 2015 co período ordinario do IRPF, “se poderemos confirmar borradores e facer declaracións na delegación monfortina”.

 

As concelleiras incidiron en que Monforte é cabeceira de comarca e en que as instalacións das que dispón a Axencia Tributaria son idénticas ás de Ribeira, Carballo ou Vilagarcía.

 

O goberno local considera que o Partido Popular volve deixar de lado a Monforte e á provincia de Lugo, manifestando “gustaríanos compartir estas críticas nos xornais coa voceira do PP, a Sra. Julia Rodríguez, porque a cidadanía debe estar por riba das siglas de calquera partido”.

  

Archivos Adjuntos: