A conmemoración do Día Internacional da Muller abre un amplo programa de actividades

A conmemoración do “Día Internacional da Muller” encherá Monforte de  múltiples e diversas actividades ó longo de todo o mes de marzo, actos programados pola concellería de Igualdadea través do CIM.

 

O domingo día 8 de marzo, as 13:00h. na rúa Cardeal, terá lugar o acto central do Día Internacional da Muller, acto no que se dará lectura a un manifesto e se fará un gran lazo violeta con globos desa cor.

 

A programación contará con obradoiros de diversa índole, dirixidos ó alumnado e ó público en xeral.

 

“Mulleres de Lemos, Maria Castaña”, desenvolverase na semana do 9 ó 13 de marzo nos Centros de Educación Primaria e Secundaria e nas Bibliotecas Municipais de Monforte e comarca. Esta actividade dá continuidade ó proxecto iniciado o ano pasado en colaboración co colectivo “Lemos Le”, no que se busca que rapaces e rapazas coñezan o papel de mulleres significativas da historia de Lemos.

 

“Globos pola Igualdade”,levarase a cabo na Escola Infantil Municipal o luns día 9 de marzo. Os rapaces e rapazas traballarán conceptos de igualdade a través da técnica da globoflexia.

 

“Ecofeminismo”,obradoiro dirixido ó público en xeral que se desenvolverá o venres día 13 de marzo, de 16:00 h a 20:00 h, na Sala de Actividades do Centro Cívico e Social do Paseo de Malecón. Este obradoiro axudaranos a mimar e coidar o noso corpo a través do coñecemento e empregando plantas e elementos da natureza. As prazas son limitadas e será preciso inscribirse previamente

 

As charlas e conferencias tamén forman parte deste amplo programa, e impartiranse no Salón de Actos do Centro Cívico e Social do paseo do Malecón. 

 

O mércores 11 de marzo ás 20:00 h, a VIII charla de saúde  correrá a cargo de Belén Varela Romero, avogada e experta en organizacións optimistas e desenvolvemento persoal, que disertará sobre “A Felicidade”.

 

O venres 27 de marzo ás 19:00 h, Pilar de Lara Cifuentes, maxistrada e xuíza titular do xulgado de instrución nº 1 de Lugo, impartirá a conferencia “O delito de trata de seres humanos”.

 

A programación do Día Internacional da Muller tamén contará cunha nova xuntanza da Comisión de Igualdade que fará seguimento e avaliación das accións recollidas no II Plan de Igualdade de Oportunidades entre homes e mulleres do Concello de Monforte de Lemos (2013-2016).

 

Por outra banda, o xoves día 26 de marzo celebrarase unha xornada formativa de capacitación en igualdade dirixida ó persoal técnico e político do Concello de Monforte, na que a profesora da UDC, Goretti Sanmartín Rei, tratará o tema do uso non sexista da linguaxe na Administración.

 

Á marxe do programa de actos, o Centro de Información á Muller de Monforte (CIM) atendeu nos derradeiros catro anos (entre o 2011 e o 2014) un total de 15.342 consultas. Os datos sobre as áreas nas que se realizaron estas consultas son os seguintes:

 

Área xurídica: 10.465 consultas

Área psicolóxica: 2.262 consultas

Área de emprego: 859 consultas

Área de recursos: 1.586 consultas

Área de información: 170 consultas

 

Xúntase o díptico do programa de actividades no que se amplía esta información.

  

Archivos Adjuntos: