O concello de Monforte solicitou un segundo obradoiro para a mocidade

O concello de Monforte solicitou subvención á Consellería de Traballo e Benestar para pór en marcha un Programa Mixto de Emprego e Formación para a mocidade, o que é o mesmo, un Obradoiro de Emprego para a mocidade.

 

Mª Xosé Vega e Pilar López deron a coñecer en rolda de prensa que esta petición se realizou o pasado mes de febreiro e que a Xunta de Galicia ten un prazo de cinco meses para resolvela.

 

O proxecto presentado, baixo o título “Monforte Smart-1”, céntrase nas novas tecnoloxías e na súa aplicación práctica para favorecer a relación da cidadanía coa administración, neste caso co Concello.

 

Segundo explicou a concelleira de Cultura, os obxectivos deste obradoiro son: introducir no mercado laboral ós mozos e mozas que cursaron estudos relacionados con diferentes eidos das novas tecnoloxías, e mellorar os servizos tecnolóxicos e axilizar as tramitacións administrativas á cidadanía.

 

A duración do Programa é de seis meses e o custo total do proxecto ascende a 182.619,85 euros. Vai destinado a 20 mozos/as beneficiarios/as do proxecto, tres docentes, un director/a e un administrativo/a.

 

Os beneficiarios serán mozos e mozas desempregados de 18 a 25 anos que cumpran o requisito de estar inscritos no ficheiro do sistema nacional de garantía xuvenil. Aqueles que aínda non o fixeran deberán inscribirse a través da rede.

 

O perfil destes mozos e mozas terá que estar relacionado coa aprendizaxe das novas tecnoloxías nas súas diferentes vertentes. Pilar López sinalou que “en Monforte contamos con dous IES que teñen unha ampla oferta nestas especialidades educativas”.

 

Este proxecto ten unha parte práctica na que o alumnado creará e deseñará unha serie de plataformas informáticas, e unha parte teórica na que se fundamentará a súa actuación.

 

Durante a realización do obradoiro formarase á mocidade en dúas especialidades, sempre en función do seu perfil: Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos, e Programación en linguaxes estruturadas de aplicacións de xestión.

 

A concelleira de cultura indicou que “a parte práctica permitirá facer unha análise e recollida de información sobre diferentes áreas municipais e a posibilidade de adaptalas ás novas tecnoloxías, principalmente no eido da Participación Cidadá e a súa relación coa Administración”.

 

No desenvolvemento práctico elaboraranse uns formularios, procedementos e bases de datos, con información de interese xeral, segundo dixo Pilar López “principalmente para facilitar o coñecemento de certos trámites, exposición de documentos e consultas frecuentes da cidadanía fronte á administración municipal”.

 

A concelleira destacou que outro dos propósitos deste obradoiro é poñer en marcha un servizo municipal para a xestión das actividades culturais e deportivas, incluíndo o proceso de consulta, reserva e rexistro de praza nas mesmas por parte da cidadanía.

 

Mª Xosé Vega lamentou que a día de hoxe o Concello non teña ningunha comunicación oficial sobre a denegación do obradoiro de emprego para maiores de 25 anos e lamentou o proceder da Xunta de Galicia a este respecto.

 

A concelleira de Promoción Económica dixo, en referencia a Julia Rodríguez, “non é función da deputada preguntar por qué non se concedeu o obradoiro, o que debería ter feito son xestións previas para que se nos concedese”. Vega dixo que en anteriores ocasións “xa nos diriximos por escrito á Xunta preguntando cales foran os motivos polos que non se nos concederan anteriores obradoiros, pero aínda estamos agardando pola resposta”.

 

Finalmente, Mª Xosé Vega destacou que este novo proxecto diríxese a unhas especialidades con gran inserción no mercado laboral “cualidade que a Delegada Provincial destacou como primordial na concesión dos últimos obradoiros de emprego”.

 

Vega lembrou que tanto os obradoiros como este novo programa para a mocidade se levan a cabo con fondos europeos, sinalando “non creo que a Europa lle guste a absoluta opacidade da Xunta no proceso de concesión dos mesmos”. 

Archivos Adjuntos: