Monforte vivirá seis días de música e actividades na rúa para celebrar as patronais 2015

A cantautora Sés, a Orquestra Olympus e a terceira edición do Rock&Lemos destacan xunto á presenza de artistas monfortinos   

 

O Alcalde, José Tomé, e a concelleira de cultura, Marina Doutón presentaron hoxe o cartel e o programa das festas patronais na honra á Virxe de Monserrat 2015.Tomé explicou que o Concello respectou a totalidade do programa que deixou pechado o anterior goberno, igual que o cartel, deseñado pola monfortina Sara Álvarez e desexou “que sexan un éxito e que todas e todos poidamos gozar das festas”. Na presentación estivo presente un representante de Gadis, empresa que se fixo cargo dos carteis e dos libros dos programas, e osautores dos textos: Luís Conde, José Martínez Rodríguez e Xosé Rodríguez Díaz.

O programa de actividades comeza o día 11 de agosto coa lectura do pregón, cuxo autor ou autora se coñecerá nos próximos días, ás 20:30 horas na Casa do Concello. Como novidade, esa mesma noite, logo do foguete anunciador das festas e da inauguración da iluminación celebrarase o primeiro concerto, da man do grupo galego Clave de Fado na Praza de España.

Na semana das festas a música monfortina será tamén protagonista. Na vertente tradicional, o grupo de gaitas do Concello tocará alboradas polas rúas dos barrios en horario de mañá, a Banda de música municipal ofrecerá dous concertos e formará parte da comitiva do Día da Patroa, a Asociación Cultural Amigos da Pandeireta poñerá música ó serán do xoves 13 na Praza dos Chaos e o grupo monfortino Merenzao amenizará a tarde do venres 14 na praza de Santo Antonio. Na vertente rock, a banda ADN+ toca o domingo 16 ás 22:30 da noite na Praza de España.

Tódalas noites haberá verbena con orquestras e grupos musicais na Praza da Compañía. Marina Doutón destacou a Orquestra Olympus, que toca o mércores 12 de agosto ás 23 horas, e tamén pasarán por Monforte de Lemos La Fórmula, Costa Dorada, o grupo Gin Toni´s e Panamá.

Sés e o III Rock&Lemos

A praza de España vai acoller un dos actos centrais das festas, o concerto da cantautora galega Sés, que presentará temas do seu disco debut “Co xenio destrozado” e do seu novo álbum “Tronzar os valos”. A cita é o xoves 13 de agosto ás 23 horas.

A terceira edición do festival Rock&Lemos desenvolverase o venres 14 na Praza da Compañía cun cartel no que figuran as bandas: The Black Vintage, Exxassens, Boikot e Bastard on Paradise.

O programa de actividades complétase con numerosas actividades na rúa, da man de charangas como Unión Monfortina e do III Festival Cómico Festivo A RÚA É VOSA no que participarán sete compañías que ofrecen espectáculos de monicreques, circo, acrobacias, malabares…

Día da Patroa e do Gaiteiro

O programa das festas 2015 de Monforte inclúe citas tradicionais como o Día da Patroa, coa homenaxe da comitiva que parte do Concello, unha misa e unha ofrenda floral á Virxe de Monserrat. Tamén o día do Gaiteiro, que se desenvolve o sábado 15 de agosto, coa participación dos grupos monfortinos Os Alvariños, Os Teixeiras, Érbedo, Merezao, o Grupo de Gaitas, a Escola de Danza e a A.C. Amigos da Pandeireta e os grupos O Cego da Veneira e Brabán da Pobra do Brollón. Percorrerán as rúas da cidade concentrándose ás 13:00 horas no centro urbano para divulgar a súa música. Pola tarde, dende as 20:00 horas, o Grupo de Gaitas, a Escola de Danza e a A.C. Amigos da Pandeireta de Monforte e O Cego da Veneira ofrecerán un pasacalles dende o campo da Compañía ata a Praza de España onde celebrarán unha mostra de danza tradicional galega, ballet clásico e danza moderna.

A xornada do sábado 15 de agosto remata co percorrido das barcas tradicionais engalanadas no malecón do río Cabe a partir das 23:30 horas e á medianoite, sesión de fogos artificiais de aire dende o monte San Vicente.

O Alcalde de Monforte manifestou o seu desexo de celebrar os fogos do río como peche das festas o domingo 16 de agosto e adiantou que “veremos unha situación diferente da que estaba prevista porque na Pinguela hai moita vexetación e impide unha boa visibilidade, aínda que debemos estudar a cuestión e aínda non podemos confirmar se poden desenvolverse como queremos ou non”.

O programa das festas xa está dispoñible para toda a cidadanía nas librerías por un prezo de 1,5 euros. Se o desexa, tamén pode consultalo/descargalo en formato PDF no Documento Adicional ao pé destas liñas.

Archivos Adjuntos: