O alcalde, José Tomé Roca, presentou as ordenanzas fiscais que o equipo de goberno ten previsto levar ó pleno do vindeiro luns, 26 de outubro. Durante a roda de prensa o rexedor monfortino estivo acompañado da concelleira de Facenda e Servizos Sociais, Gloria Prada.
Tomé Roca explicou que o seu obxectivo é que estas ordenanzas sexan aprobadas na sesión plenaria deste mes para, posteriormente, poder elaborar os orzamentos de 2016: “a nosa intención é que os presupostos estean aprobados en tempo e que entren en vigor o 1 de xaneiro. Temos que ter en conta que os presupostos son un elemento dinamizador para o Concello e, por iso, deben ter un período dun ano completo para poder desenvolverse”, argumentou o alcalde.
Antes de detallar as diferentes ordenanzas fiscais, o Alcalde subliñou que a conxelación das taxas e a redución das mesmas é a principal característica: “non sobe ningún imposto nin taxa municipal”, apuntou José Tomé. O rexedor engadiu que o equipo de goberno pretende simplificar os trámites e que se establecen bonificacións que “antes non estaban contempladas”.
Bonificacións no IBI e para as familias numerosas
No caso do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), Tomé Roca dixo que o equipo de goberno mantén o mesmo gravame que xa existe, pero matizou que a ordenanza inclúe como novidade unha bonificación para as vivendas de protección oficial: “ata o momento falábase de bonificar as vivendas sociais pero agora contemplamos que eses descontos se apliquen tamén no caso das promocións de protección oficial; éstas vanse ver beneficiadas polas bonificacións do IBI”.
Por outra parte, o alcalde de Monforte avanzou que está previsto establecer en tódalas ordenanzas bonificacións para as familias numerosas, algo que segundo Tomé Roca “supón dar cumprimento a unha lei do ano 2003 e que non se estaba facendo na nosa cidade”. Ademais engadiu que os descontos vanse a aplicar independentemente de que o recoñecemento de familia numerosa se conceda meses despois. Esta medida vai afectar a varios servizos, entre eles, as ensinanzas do conservatorio, os prezos do seminario de música moderna e improvisación que se imparte durante o verán, así coma os prezos públicos do ocio infantil.
Outras ordenanzas fiscais
José Tomé Roca detallou outras ordenanzas fiscais que van afectar a monfortinos e monfortinas. Unha delas é a que contempla bonificacións para os propietarios de vehículos que teñan máis de 25 anos de antigüidade: “nos últimos anos o goberno local da cidade suprimiu esa bonificación pero agora nós consideramos que hai que valorar o esforzo dos particulares no mantementos deste tipo de vehículos. Inicialmente imos establecer a bonificación nun 30% para os coches de 25 anos ou máis”, explicou o rexedor. Mentres que os donos de vehículos que teñan unha minusvalía do 33%, quedarán exentos de ter que pagar este imposto.
Outra das ordenanzas fiscais que José Tomé detallou é unha que afecta aquelas persoas que teñan previsto abrir un novo negocio na cidade. Neste caso, o Alcalde destacou que se vai eliminar a ordenanza que ata agora regulaba a concesión deste tipo de licenzas: “a nova ordenanza vai ser só por inicio de actividade, isto ten moita importancia porque antes había que pagar un prezo público e agora pasa a ser unha taxa e, polo tanto será moito máis barato”. Para argumentar a vantaxa do cambio, Tomé Roca puxo enriba da mesa cifras facilitadas polos servizos de intervención do Concello; de tal xeito que se actualmente abrir unha clínica dental supoñía un desembolso inicial superior ós 1.800 euros pola licenza, a partir de agora esa cantidade vaise reducir a 193 euros.
Outro dos puntos significativos das ordenanzas fiscais é que se contempla a posibilidade de que os clubes deportivos que estean federados poidan empregar de balde as instalacións deportivas, a cambio, terán que estar patrocinados polo Concello. José Tomé destacou que isto obedece a un dos compromisos que adquiriu durante a campaña electoral.
Ademais, outra das ordenanzas fiscais contempla suprimir un dos impostos que, ata o de agora, se estaba pagando polo cemiterio. En concreto, o Alcalde dixo que “pola mesma cousa, os monfortinos e monfortinas pagaban dúas veces: unha pola tramitación dunha licenza e logo pola propia licenza en si”. A partir de agora José Tomé destacou que no cemiterio só haberá que pagar pola licenza.